A Xunta activa a alerta vermella por calor en 13 concellos da comarca de A Coruña

A vaga de calor que afecta Galicia levou á Xunta a activar este martes o nivel 3 de alerta, o máximo previsto no Plan de Actuación fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, en trece concellos da comarca da Coruña e das Mariñas. Os municipios afectados pola alerta vermella son Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Vilarmaior.
Segundo a información facilitada pola Xunta, Galicia continúa baixo a influencia dunha masa de aire moi cálido que está a provocar temperaturas anormalmente elevadas para esta época do ano. A situación é especialmente preocupante nas zonas do interior, aínda que os valores tamén serán elevados na franxa costeira.
Como consecuencia da alerta, a Secretaría Xeral para o Deporte decretou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade ao aire libre entre as 12.00 e as 20.00 horas nos municipios en nivel vermello. Nas zonas en alerta laranxa, a suspensión mantense entre as 12.00 e as 18.00 horas, con excepción dos deportes náuticos e acuáticos federados.
A Consellería de Sanidade lembra que a exposición prolongada á calor pode provocar deshidratación, mareos, esgotamento, insolación ou golpes de calor, especialmente entre persoas maiores, nenos pequenos, persoas con enfermidades crónicas e traballadores que desenvolven a súa actividade ao aire libre.
Entre as recomendacións figura beber auga con frecuencia, evitar as horas centrais do día para realizar exercicio físico, permanecer en lugares frescos e ventilados e prestar especial atención ás persoas máis vulnerables. Ante síntomas compatibles cun golpe de calor, Sanidade recomenda contactar de inmediato co 061.