A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego


A Xunta activará desde a noite deste xoves a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego ante a previsión de fortes ondas e vento intenso.
Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), na costa da Coruña e na Mariña lucense agárdase, a partir das primeiras horas da noite, mar combinado do noroeste con ondas que poderán acadar os sete metros, acompañado de vento do oeste de forza oito.
Na costa de Pontevedra, o episodio comezará durante as primeiras horas da madrugada, cando se prevén ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza sete.
Co obxectivo de previr riscos e garantir a seguridade das persoas e dos bens, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, comunicou a situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia. O aviso foi trasladado aos concellos das provincias afectadas, ás deputacións, aos servizos provinciais, ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos.
A alerta implica tamén a suspensión da actividade deportiva no mar incluída no programa Xogade e das competicións federadas nas zonas afectadas, agás as excepcións previstas no protocolo de alertas dispoñible na web Deporte Galego.
Ante este episodio meteorolóxico, a Xunta recomenda afastarse da liña de costa, extremar as precaucións en calquera actividade marítima e comprobar o estado dos cabos e dos amarres das embarcacións para evitar incidentes.