A xornada 'Permisos e corresponsabilidade' aborda na Coruña os dereitos de conciliación
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou na tarde deste xoves tarde na Coruña a xornada Permisos e corresponsabilidade, no marco do Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta que supera xa as 6.000 persoas usuarias. No encontro, abórdase a evolución, coñecemento e situación dos dereitos de conciliación no ordenamento xurídico español e a posibilidade do seu exercicio.
Así, a maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Raquel María Naveiro Santos é a encargada de tratar a evolución histórica e lexislativa en España dos dereitos de conciliación, referíndose ás posibilidades de conciliar a vida persoal, laboral e familiar previstas na actual lexislación española e a diversos pronunciamentos da xurisdición social. En concreto, aos que foron delimitando diferentes cuestións sobre o exercicio do dereito de conciliación, como son a titularidade e forma de goce dos permisos de nacemento e coidado de menores, redución e concreción da xornada, permiso de lactación, etc. Tamén aos referidos ao exercicio dos dereitos de conciliación que afectan a outras condicións de emprego, como a retribución e a extinción do contrato de traballo.
O secretario xeral destacou a aposta decidida do Goberno galego por unha economía xusta e solidaria na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades no mercado laboral. Nesa liña, englóbanse accións como a de hoxe, dixo, que combina o formato presencial coa teleformación para dotar de ferramentas de calidade -de xeito totalmente gratuíto- a empresas, a persoas formadoras e usuarias, ás que se lles ofrece información, formación e sensibilización para conseguir o reto de pasar da igualdade legal á real.
Novas accións formativas
O Campus formativo de igualdade laboral da Xunta está dirixido a formar e sensibilizar arredor da equidade efectiva entre homes e mulleres no eido do traballo. Para darlle continuidade, están previstas 40 novas accións nos próximos meses, co obxecto de acadar -en xuño de 2025- o fito de contar cun balance total de 120 iniciativas impulsadas polo Campus.
Posto en marcha a finais de 2021, as cifras amosan a consolidación do proxecto entre xaneiro de 2023 e o primeiro semestre de 2024, período no que se desenvolveron un total de 54 cursos e talleres, con 3.086 persoas participantes, das cales o 68% se certificaron nunha ou varias accións formativas. As formacións incidiron en medidas de fomento da igualdade laboral, prevención e tratamento do acoso ou diversidade no ámbito laboral.
A nova planificación baralla novas temáticas de actualidade, entre elas, a abordada hoxe de permisos e corresponsabilidade. Tamén canle de denuncias e protocolo, certificado de excelencia en igualdade ou directiva europea en materia de igualdade de xénero. Así mesmo, incorpóranse como novidade dous cursos: “Discriminación por xénero. Lexislación e xurisprudencia” e “Valoración de postos de traballo e rexistro e auditoría retributiva”.