A XIII Carreira ENKI bate o seu récord de participación ao reunir 17.000 persoas na Coruña

A décimo terceira edición da Carreira ENKI converteu este sábado a explanada do Parrote nunha gran celebración da inclusión e da convivencia ao reunir a 17.000 participantes, a cifra máis alta da historia da proba e un novo récord de asistencia desde a súa creación. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na saída da carreira, mentres que a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, asistiu á entrega dos premios e ao peche dunha xornada que volveu demostrar a capacidade de mobilización desta iniciativa solidaria e inclusiva.
A carreira, organizada pola Fundación ENKI, reuniu persoas de todas as idades e condicións nun percorrido accesible e aberto á participación, consolidándose como unha das grandes citas sociais e deportivas da cidade. O Concello quixo felicitar á organización, ás persoas voluntarias, ás entidades colaboradoras e ás miles de persoas participantes por contribuír un ano máis ao éxito dunha iniciativa que promove valores como a igualdade, a accesibilidade e a inclusión a través do deporte.