A.X. Xiradela organiza esta fin de semana en Arteixo unha maratón de obradoiros sobre a regueifa
A Asociación Xuvenil Xiradela celebra este sábado, 30 de novembro, unha xornada dedicada á regueifa, unha tradición galega vinculada ás vodas que combina gastronomía, música e danza. As actividades desenvolveranse na sede da asociación, situada na rúa Padre Villa nº 30, en Arteixo.
A programación inclúe tres obradoiros con diferentes enfoques. De 16:00 a 18:00 horas terá lugar "Decorando a túa regueifa", dirixido a persoas adultas interesadas en elaborar e decorar este típico molete de pan adornado con ovo, azucre ou caramelo. No mesmo horario, os nenos e nenas poderán participar en "Improvisando regueifas", impartido pola experta Lupe Blanco, onde explorarán a arte da improvisación oral e musical.
Para pechar a xornada, de 18:00 a 20:00 horas, realizarase o taller "Bailando coa regueifa", destinado a adultos con coñecementos de baile tradicional galego, no que se explorará esta danza que, no pasado, era parte esencial das celebracións matrimoniais.
A inscrición está aberta ata o xoves, 28 de novembro, a través do formulario dispoñible na web e redes sociais da A.X. Xiradela. O custo para os talleres de adultos é de 15€ para non socios e 10 euros para socios, mentres que a participación infantil é gratuíta para os socios e ten un prezo de 5 euros para o resto.
Estas actividades buscan preservar e divulgar unha parte importante do patrimonio cultural galego, asegurando que as novas xeracións coñezan e valoren tradicións como a regueifa. A acción conta coa colaboración do Concello de Arteixo.