A voz dos alcaldes: 'Ser alcalde do teu pobo é todo un orgullo'

GaliciaXa | ACoruñaXa
José Luis Fernández Mouriño, alcalde de Carral, repasa o seu regreso á Alcaldía, os proxectos pendentes do municipio e as actuacións que considera prioritarias, como o novo centro de saúde, a depuradora, o Plan Xeral ou a ampliación do polígono dos Capelos
JOSE LUIS FERNANDE MOURIÑO
5 Jul 2026

José Luis Fernández Mouriño volveu á Alcaldía de Carral en setembro tras unha etapa anterior á fronte do Concello entre 2003 e 2019. Nesta entrevista, o rexedor fala dos seus inicios na política, dos retos que ten por diante o municipio e da necesidade de impulsar proxectos que considera clave para o futuro de Carral.

Explíquenos un pouco como se iniciou na política.
Meu pai era unha persoa moi do Partido Popular e suxeriume que me sumase á política porque era novo e tiña ideas... Cando me dei conta, era candidato pola lista do Partido Popular en Carral. No ano 1991, o PP tiña só un concelleiro na corporación e, tras formar a miña lista, conseguimos cinco dos 13 concelleiros da corporación. A partir de aí, traballei para que Carral funcionase doutra forma, para que fose máis coñecido e máis dinámico. O municipio estaba diminuíndo en cifras de poboación e era algo ilóxico tendo en conta a posición estratéxica de Carral na área. No ano 2003 accedín á Alcaldía a través dunha moción de censura e estiven como alcalde ata o ano 2019.

A nivel persoal, que sacrificios supón ser alcalde?
Tes que estar pendente do que pasa en Carral todos os días e a todas as horas, pero máis que un sacrificio é un honor ser alcalde do teu pobo. Si que é verdade que a xente non sempre está contenta co traballo que fas e, ás veces, nin sequera ti mesmo o estás porque che gustaría ter feito máis, pero non só depende do teu traballo, senón tamén dos tempos da Administración e mesmo doutros organismos... O dito, máis que sacrificios, eu falaría de que ser alcalde supón todo un orgullo.

Cales son as principais liñas do seu programa?
Recuperar os seis anos que Carral perdeu desde que deixei a Alcaldía no 2019. Desde ese momento, as cousas importantes para o municipio non se tomaron en serio. Falo da depuradora, do inventario municipal de camiños, da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e tamén da xestión de políticas para beneficio dos nosos maiores. Neste sentido, no 2018 conseguín unha subvención da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia de 150.000 euros para abrir un centro para os nosos maiores nas instalacións do antigo colexio Víctor Velasco e, a día de hoxe, estamos sen el porque o anterior goberno deixou que esta subvención se perdera. O meu obxectivo é recuperar este tempo perdido e sacar adiante proxectos clave para Carral como:

  • O Plan Xeral de Ordenación Municipal.
  • A Disposición dunha nova depuradora.
  • Un novo centro de saúde.
  • Bancadas do campo de fútbol Borja Rodríguez Ans.
  • A Ampliación do polígono dos Capelos a través dun cambio de usos en varias parcelas do parque industrial que pasarían de ter uso residencial a industrial.

De que proxectos se sente máis orgulloso?
Desde setembro fixemos unha importante planificación para ver que necesidades había pendentes de resolver. Podo dicir que estou orgulloso do traballo que levamos feito nos últimos meses con respecto ao centro de saúde. Trasladámoslle á Xunta de Galicia que esta instalación estaba obsoleta e que non cumpría coas necesidades actuais da poboación de Carral, que está crecendo, e desde a Consellería comprometéronse a iniciar os trámites para facer un novo centro de saúde. Agora mesmo, estamos negociando a adquisición de terreos para este centro de saúde e tamén para un local para os nosos maiores.

Outra das cousas das que me sinto orgulloso é do traballo realizado con respecto ás bancadas do campo de fútbol Borja Rodríguez Ans. Considerabamos necesario que esta instalación dispuxese destas estruturas porque son uns 400 nenos e nenas os que empregan este espazo. Presentamos o proxecto á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e confiamos en que dentro de pouco teñamos informe positivo de cara a poder cumprir esta demanda.

E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Hai que seguir con estas infraestruturas das que acabo de falar: nova depuradora, centro de saúde, bancadas do campo de fútbol, etc. A nova depuradora tería un custo de 6 millóns de euros, as bancadas suporían uns 400.000 euros... E a isto hai que sumar tamén a implantación dos saneamentos no termo municipal. Cando accedín á Alcaldía en setembro non había proxectos e estivemos encargándoos para implantar o saneamento nas parroquias de Beira, Quembre, Tabeaio e tamén para rematar o de Cañás e San Vicente de Vigo. Temos que enfocar todas estas necesidades porque sería moi positivo para Carral e, á vez, temos que ser quen de conseguir infraestruturas para os nosos maiores, sacar adiante o Plan Xeral, pendente de informes sectoriais doutras administracións, e a ampliación do polígono industrial.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Nos case 17 anos que levo como rexedor de Carral debe de haber dúas ou tres placas nas que aparece o meu nome como alcalde. No resto de instalacións que se abriron durante os meus mandatos, como a escola infantil A Galiña Azul, o IES de Carral, o edificio social Toñito Espiñeira, o local interxeracional, o Complexo Deportivo ou o campo de fútbol, aparecen os anos da inauguración. O que me gustaría é que, cando acabe a miña traxectoria política en Carral, a xente saiba cando se puxeron en marcha todas estas instalacións, servizos e dependencias que están ao servizo da veciñanza.

Como é a súa relación coa oposición?
Estiven na oposición ata o 2003 e tiña unha visión e unha opinión moi distintas ás do alcalde. Porén, cando saiamos dos plenos faciámolo intercambiando os nosos puntos de vista. Desde o 2003 e o 2019, sendo eu alcalde, houbo distintos voceiros de varios partidos e, por suposto, sempre lles deixei manifestar todo o que querían nos plenos. Sempre houbo esa harmonía. Agora, atópome con que un dos grupos políticos que temos na corporación se dedica á oposición menos construtiva, actuando dun xeito que non é ético, no que o único que importa é intentar poñer en cuestionamento o meu labor na Alcaldía, non informar nin axudar á veciñanza.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade
    Teño 64 anos.
  • Profesión e formación
    Panadeiro e Empresario.
  • E se non foras panadeiro, que che gustaría ser?
    Non cambiaría nada. Gustaríame ser o que fun e o que son na actualidade.
  • Que querías ser de maior?
    Non o pensei porque de novo estiven tan entretido na panadería dos meus pais que non me parei a pensar.
  • Que fas para desconectar?
    Dedicar tempo ao coidado dos animais que teño ao meu cargo, como cabriñas, ovellas e galiñas.
  • Unha virtude e un defecto
    A tranquilidade como virtude e tamén como defecto, xa que segundo a situación, a tranquilidade pode verse como unha virtude ou como un defecto.
  • Un consello para compartir
    Fai ben e non mires a quen.
  • Un libro
    'Historia de la vida' de Cicerón.
  • Unha película
    Dos hombres y un destino.
  • Un grupo de música/cantante
    Freddie Mercury con Queen.
  • Unha afección
    Dedicar tempo ao coidado dos animais.
  • Un lugar que visitar
    Italia.
  • Unha comida e unha bebida
    Como comida, patacas fritas, ovos e xamón. Como bebida, viño tinto.
  • Unha personaxe admirada
    Persoas da miña familia.
  • Un desexo
    Máis sentido común.
  • Algo para esquecer
    Os accidentes.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A tranquilidade.
  • Un desafío pendente
    Non teño desafíos pendentes.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Coidando ás cabriñas e ás ovellas.
0.1299569606781