A voz dos alcaldes: 'Quero un Bergondo moderno, accesible e humanizado'

Alejandra Pérez asumiu a Alcaldía de Bergondo en 2008, tras o falecemento de José Fernández Ramos, 'Pepín', a quen considera unha figura fundamental na súa traxectoria política. Desde entón, a alcaldesa socialista mantívose á fronte do Concello e afronta agora novos retos para o municipio, entre eles a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a transformación de San Cidre e a creación dun centro social interxeracional na reitoral de Guísamo.
Explíquenos un pouco como se iniciou na política.
A miña vocación polo servizo público sempre estivo aí, pero o meu verdadeiro inicio estivo estreitamente ligado a unha persoa irrepetible: José Fernández Ramos, o noso querido e recordado 'Pepín'. El viu algo en min e animoume a dar o paso para traballar pola nosa veciñanza. Traballar cóbado con cóbado con el foi a mellor escola política e humana que puiden ter.
Como recibiu o impulso para dar o salto e ser alcaldesa?
O salto non naceu dunha ambición persoal, senón dunha necesidade absoluta e dun profundo sentido da responsabilidade. O repentino falecemento de Pepín no ano 2008 foi un golpe durísimo para todas e todos nós, tanto a nivel persoal como político. Asumir a Alcaldía foi a miña maneira de honrar o seu legado, a súa tenacidade —como a que demostrou para rehabilitar o emblemático edificio da Senra— e de garantir que o seu proxecto para Bergondo non se detivese. Foi un paso difícil e cheo de vertixe, pero sentín que llo debía a el e, sobre todo, á xente de Bergondo.
A nivel persoal, que sacrificios supón ser alcaldesa?
O maior sacrificio é, sen ningunha dúbida, o tempo. Tempo que lle restas á túa familia, ás túas amizades e ao teu propio descanso. A Alcaldía non ten un horario fixo; es alcaldesa as 24 horas do día, os 365 días do ano. Nos momentos máis difíciles, como o que supuxo a pandemia para o conxunto da sociedade, a carga mental e emocional foi inmensa, porque a prioridade era atender as necesidades urxentes da veciñanza por riba de calquera outra cousa. Os problemas do Concello non quedan no despacho, lévalos contigo á casa.
E que beneficios ten?
Máis que de 'beneficios' en sentido estrito, eu falaría dunha profunda satisfacción vital. Non hai nada comparable á sensación de resolver un problema que lle quitaba o sono a calquera veciño ou veciña. Ver como un proxecto que comezou como un debuxo nun papel se converte nunha realidade que mellora a vida da xente compensa todas as noites sen durmir.
Como equilibra a vida pública e a privada?
É un reto diario e constante. Tento establecer momentos 'sagrados' para a miña familia, aínda que o teléfono sempre ten que estar acendido por se xorde algunha emerxencia. Aprendes a valorar a calidade do tempo por riba da cantidade. Afortunadamente, teño a sorte de contar cunha contorna que comprende a miña vocación e que me apoia de xeito incondicional; sen este apoio, este equilibrio sería totalmente imposible.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu obxectivo principal é que Bergondo medre cun modelo claro e ordenado, pero sen perder a nosa esencia. Sempre digo que temos unha identidade propia como pobo e que non temos ningunha necesidade de copiar nin de parecernos a ninguén. Temos un selo propio que nos identifica. Quero un municipio moderno, accesible e humanizado, onde a mocidade poida quedar a vivir e onde as nosas persoas maiores teñan a calidade de vida que tanto merecen.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Creo que é moi cedo para falar de programa. Se falamos de modelo de goberno, o do pasado, o presente e o futuro, aséntase na sustentabilidade, na humanización dos nosos núcleos e na ordenación urbanística definitiva. A nosa prioridade é aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Ademais, apostamos firmemente pola creación de espazos sociais, a mellora das infraestruturas e a protección do noso gran patrimonio natural.
De que proxectos se sente máis orgullosa?
Sinto un orgullo especial por dous grandes fitos recentes que custaron moitísimo traballo sacar adiante. En primeiro lugar, a modificación urbanística de San Cidre, unha actuación estratéxica que pronto será unha realidade e que nos permite reordenar un espazo tan importante para Bergondo como é San Cidre, onde se atopan gran parte dos servizos públicos do Concello, e tamén crear vivenda e novas zonas verdes. Ademais, permitirá que, por fin, poidamos contar co tan demandado supermercado.
En segundo lugar, o Plan Especial do Río Maior, na parroquia de Lubre. É un proxecto precioso que suporá a construción dunha senda fluvial de máis de dous quilómetros e que, ademais, nos permitirá rematar a rede de saneamento da parroquia.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Como comentaba, o PXOM volverá ser a nosa cuestión prioritaria. A maiores de executar as obras do paseo do Río Maior e a humanización completa de San Cidre, ademais doutros proxectos que temos en mente e que iremos avanzando a medida que pase o tempo, temos un que me ilusiona especialmente: a creación do gran centro social interxeracional na recentemente adquirida reitoral de Guísamo.
Queremos un espazo onde convivan as nosas persoas maiores e a infancia, favorecendo a conciliación familiar e axudando a seguir asentando poboación nas nosas parroquias.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?
Gustaríame que visen a unha veciña máis, alguén accesible e en quen poden confiar plenamente. Unha alcaldesa que non se agocha cando hai problemas, que sempre fala claro e que traballa sen descanso polo ben común. Cometo erros, como calquera persoa, pero quero que teñan a certeza absoluta de que cada decisión que tomo a fago pensando no mellor para Bergondo.
Como é a súa relación coa oposición?
É unha relación de respecto institucional, como debe ser sempre nunha democracia. Non obstante, tamén son firme cando a situación o require. Acepto todas as críticas construtivas e escoito as propostas, pero non tolero as falsidades, as descualificacións ou as saídas de ton, especialmente cando se fan dende o partidismo e non pensando no ben da nosa veciñanza. A miña man sempre estará tendida para o consenso, pero o meu compromiso inquebrantable é coa verdade e coa veciñanza de Bergondo.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
Teño 54 anos. Son solteira e nai dun fillo. - Profesión e formación
Formación en Empresariais e, de profesión, contable nunha asesoría. - E se non foses contable, que che gustaría ser?
Xa non o tiña claro cando estudaba, así que agora non mo plantexo. - Que querías ser de maior?
De pequena houbo unha temporada na que quería ser mestra. - Que fas para desconectar?
Cando teño tempo, intento saír a dar un paseo, ler... - Unha virtude e un defecto
Unha virtude, que son fiel e nunca minto; e un defecto, que son demasiado confiada. - Un consello para compartir
Non me gusta dar consellos, como moito dou a miña opinión. - Un libro
Dígoche o último: agora mesmo estou rematando 'Agosto dezaseis', do meu compañeiro Juan Fariña. - Unha película
Calquera da saga de Star Wars. - Un grupo de música/cantante
Os Beatles. - Unha afección
Ler, cando me dá tempo. - Un lugar que visitar
Demasiados. - Unha comida e unha bebida
As nécoras e, de bebida, auga. - Unha personaxe admirada
A miña familia en xeral: a miña nai, a miña madriña, a miña avoa, as miñas tías... - Unha posesión prezada
Calquera obxecto que teña vinculada algunha lembranza. - Un desexo
Que volvamos á calma, no ámbito internacional e no nacional. - Algo para esquecer
Algúns momentos de incerteza que se viviron durante a pandemia. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A confianza. - Un desafío pendente
Facer o Camiño de Santiago desde Roncesvalles. - Onde te ves en cinco anos?
Pedindo o voto, se sigo contando coa confianza de veciños e veciñas e, por suposto, dos compañeiros e compañeiras da agrupación.