A voz dos alcaldes: 'O meu obxectivo é seguir sendo alcaldesa de Betanzos'

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Inicieime na política a raíz dunha chamada do que daquela era o alcalde de Betanzos, que coñecía as miñas ideas próximas ao partido e me propuxo manter unha conversa. A partir de aí participei por primeira nunha candidatura electoral. No partido levo moitos anos, aínda que, non levo máis porque na miña casa non me deixaban.
Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcaldesa?
Foi unha auténtica sorpresa. Levaba sendo concelleira anos cando o que era alcalde daquela, Ramón García, deixou a Alcaldía por motivos persoais. Foi nese momento cando pasei a ser alcaldesa. Non era algo que tivese previsto, senón unha circunstancia que se produciu de maneira inesperada.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
Ser alcaldesa require moitísima dedicación. Implica estar dispoñible as 24 horas do día, os sete días da semana, e renunciar a parte do tempo que poderías compartir coa familia ou coas amizades. Con todo, o peor para min é que as miñas persoas máis queridas, a miña xente, sufra ataques por ser da miña familia ou dos meus amigos. É, sen dúbida, a parte máis dura do cargo.
E beneficios?
Produce unha satisfacción enorme cando as cousas saen medianamente ben para Betanzos. É unha satisfacción enorme tanto no persoal como na parte política.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Procuro atopar un equilibrio entre todas as miñas responsabilidades e obrigas como alcaldesa. O día a día implica acudir a todos, ou á inmensa maioría, dos actos que se organizan no concello, ademais de participar en reunións e atender as diferentes cuestións municipais. Pero tamén intento compartir coa miña familia e coas miñas amizades a maior parte dos momentos que podo.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Non hai nada que me produza máis orgullo que ser alcaldesa de Betanzos. Por iso, o meu obxectivo neste momento é continuar á fronte da Alcaldía máis alá das eleccións municipais de maio de 2027, porque considero que sería o mellor para Betanzos.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Un dos obxectivos fundamentais será tratar de dotar dunha vez por todas a Betanzos dun centro de día ou dunha residencia pública para persoas maiores. Ata o de agora foi imposible, xa que non é unha competencia municipal e debería ser outra Administración a que asumise esa actuación. Non obstante, non descarto impulsala desde o Concello se non se producen cambios na Xunta de Galicia.
Unido a isto, agora mesmo estamos construíndo o Centro de Información á Muller (CIM) e, unha vez que estea rematado, considero que o seguinte gran obxectivo prioritario debe ser esa infraestrutura asistencial para as persoas maiores.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Aínda é un pouco cedo para profundar no programa electoral de maio de 2027. Estamos traballando nel desde a executiva local e a agrupación socialista de Betanzos.
O que está claro é que imos continuar poñendo en valor o pasado histórico de Betanzos, o seu patrimonio e a súa identidade, pero sempre mirando cara ao futuro. Queremos facer unha cidade mellor para as persoas en todos os ámbitos, prestando atención á mobilidade, aos servizos públicos e, especialmente, aos servizos sociais. Todo o que ten que ver coas persoas debe abordarse de maneira transversal.
Cales son as principais necesidades do Concello?
Creo que neste mandato se deron pasos fundamentais en cuestións que levaban décadas estancadas ou que mesmo nunca existiran. Entre eles están a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal e a elaboración dun novo plan de protección do Casco Histórico, ademais doutros avances importantes na conservación do patrimonio e na posta en valor do centro histórico.
Agora toca seguir traballando para que o casco histórico sexa un lugar máis amable para vivir e afrontar o problema da vivenda. Betanzos conta con moitas vivendas baleiras e considero que a súa recuperación debe ser un dos obxectivos fundamentais do próximo mandato.
Tamén será ineludible conseguir un centro de día ou unha residencia pública para as persoas maiores, non só de Betanzos, senón de toda a comarca, que carece dunha institución pública destas características. A iso hai que engadir a continuidade da recuperación do patrimonio e a mellora dos servizos públicos.
De que proxectos se sente máis orgullosa?
Hai moitas actuacións das que me sinto orgullosa. Destacaría a recuperación e posta en funcionamento do Mercado Municipal, aínda que o proxecto non está completamente rematado e seguirá mellorando nos vindeiros meses. Tamén a creación de dous parques infantís no casco histórico, unha demanda veciñal de décadas.
Estou moi orgullosa de que estea en marcha a construción do CIM de atención ás mulleres de Betanzos e da súa contorna, así como do inicio da recuperación integral do parque do Pasatempo. É un proxecto que levará tempo, pero que, como dixen desde o principio, non terá volta atrás.
Outro motivo de orgullo é a recuperación do mosteiro de Donas, o edificio máis antigo de Betanzos, para poñelo a disposición da veciñanza. Tamén os servizos de comedor e madrugadores, que atenden máis de 500 nenos e nenas, aínda que non sexan unha competencia municipal.
A iso súmanse os pasos dados para mellorar a mobilidade no casco histórico, o cambio experimentado na limpeza e no ornato do municipio e, sobre todo, as políticas dirixidas ás persoas maiores. En resumo, estou moi orgullosa de moitas cousas.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcaldesa?
Gustaríame que me visen como unha persoa normal, coa que se pode falar e que poden atopar en calquera momento pola rúa, nos comercios de Betanzos ou dando un paseo. Quero que me vexan como unha alcaldesa que defende Betanzos por riba de todo e ante calquera Administración, que pensa nunha cidade grande, pero centrada nas persoas.
Sobre todo, gustaríame que me visen como alguén en quen poden confiar, que sintan que Betanzos está en boas mans e que sempre vai ter unha persoa disposta a defendelo.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
53 anos, casada e nai de dúas fillas. - Profesión e formación
Estudei Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela. Exercin como profesora de Matemáticas mentres era concelleira e, desde que son alcaldesa, dedícome exclusivamente ao Concello. - E se non foras Profesora, que che gustaría ser?
Non cambiaría o que estudei nin ser Alcaldesa de Betanzos. - Que querías ser de maior?
Dende moi pequena tiña claro que quería estudar Matemáticas, non tanto para dar clase senón polo ámbito da investigación. - Que fas para desconectar?
Fago sudokus e tento estor coa miña familia e coas miñas amizades sempre que podo. - Unha virtude e un defecto
Defectos podería decir mil, pero se teño que elexir un diría que podo ser demasiado teimuda en moitos temas. Como virtude, creo que sempre amoso a miña preocupación polas persoas e o feito de telas sempre como prioridade, desde os máis pequenos ata os máis maiores. - Un consello para compartir
Nunca fagas a ninguén o que non che gustaría que che fixesen a ti. - Un libro
Non teño un libro que destacaría sobre outros, pero o libro que máis veces lin na miña vida foi 'O Quixote'. Se teño que recomendar un, calquera de María Benavente. - Unha película
Unha pelicula que me encanta é 'La vida es bella', polo que ensina. - Un grupo de música/cantante
El Último de la Fila. - Unha afección
Ler, aínda que é unha afección que teño bastante abandonada nos últimos anos por falta de tempo. - Un lugar que visitar
Betanzos. - Unha comida e unha bebida
Tortilla de Betanzos cun bo viño de Betanzos. - Unha personaxe admirada
Non teño unha personaxe da historia destacada para dicir, pero a miña persoa de referencia na vida sempre foi a miña nai. - Unha posesión preciada
Ningunha material. É a miña xente. - Un desexo
Que Betanzos siga facéndose, se cabe, máis grande. - Algo para esquecer
O verán de 2023 en Betanzos, por moitas razóns. Foi un verán que comenzou en maio cun problema na auga do río Mendo, que nos tivo sen auga por moito tempo. Enfermaron centos de persoas e xerou unha situación de crispación política sen ningún sentido, dende o meu punto de vista.
Ademáis, foi o verán onde o 16 de agosto non subiu o globo e foi cando se cambiou a figura de raíña das festas pola de representante das festas. Iso supuxo unha crispación moi fora de lugar na nosa política, que se trasladou á rúa dun xeito, dende o meu punto de vista, moi irresponsable e só pensando en réditos políticos e non en Betanzos. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A lealdade. - Un desafío pendente
Conseguir que Betanzos teña un centro de día e unha residencia pública para persoas maiores. - Onde te ves en cinco anos?
Na alcaldía de Betanzos.