A voz dos alcaldes: 'O máis importante é o pobo, dedicado ao 100%'

ACoruñaXa
Antonio Deibe Sanmartín, alcalde de Irixoa, chegou á Alcaldía no 2005, despois dunha longa traxectoria na política municipal que arrinca en 1982 da man de Alianza Popular.
IRIXOA antonio deibe
18 Jan 2026

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Eu empecei na política no ano 1982 en Alianza Popular. Estou afiliado dende 1985 e dende entón levo traballando co partido ata hoxe. Fíxenme camiño no ámbito municipal, pasei por responsabilidades de goberno e fun tamén tenente de alcalde antes de chegar á Alcaldía.

Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?
No meu caso foi unha circunstancia moi concreta: faleceu o anterior alcalde e eu tomei posesión no ano 2005. Nunca o pensara como un obxectivo persoal, porque había outra persoa por diante, pero non aceptou e tocoume a min dar o paso.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
O maior sacrificio é o tempo e a dispoñibilidade. Eu dedico moitísimas horas e o teléfono está sempre aceso, non o apago nunca. Chamáronme incluso ás 3 ou 5 da mañá por unha emerxencia e eu atendo. Como alcalde, estás dispoñible todo o día, a todas horas, e iso ás veces pega uns sobresaltos importantes.

E beneficios?
O bo é que estás aí para a xente. Para min o máis importante é o pobo.  Eu síntome dedicado ao 100%, e cando podes axudar e responder, compensa.

Como equilibra a vida pública e a privada?
Ímolo levando como podemos, nin máis nin menos. É un equilibrio complicado, porque sempre hai chamadas e problemas, pero vas tirando.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu obxectivo estrela é chegar co abastecemento ao 100% da poboación, agora estamos arredor do 91-92% e quero completar o que falta. Despois, seguir reforzando o saneamento e continuar coas melloras nos viais, que están practicamente todos aglomerados.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Proxectos en mente teño moitísimos, pero non podo desvelar nada aínda. Non sabemos nin o que vai pasar mañá. O que si digo é que a idea é seguir a mesma liña, traballando como ata agora.

Cales son as principais liñas do seu programa?
Ademais de abastecemento, saneamento e viarios, para min é clave que chegue a fibra óptica para o internet a todas as vivendas. Aínda faltan zonas sen conexión e estamos pelexando con empresas para avanzar, porque cara ao futuro é moi necesario.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Agora mesmo preocúpame moito o servizo de axuda a domicilio, xa que temos arredor de 120 persoas maiores de 80 anos, e unha parte moi importante está con axuda a domicilio entre dependencia e o propio servizo. Chegar a todos e manter esa atención é unha prioridade real.

De que proxectos se sente máis orgulloso?
Eu estou especialmente orgulloso do abastecemento. Foi un esforzo económico enorme, con subvencións da Xunta e da Deputación, e supuxo máis dun millón de euros e uns 92 km de tubaxes para dar servizo á maior parte do concello. Tamén destacaría o alcantarillado e unha depuradora que funciona con placas solares.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que me visen como unha persoa dialogante, que non defrauda a ninguén. Eu intento ser así e seguirei intentando non defraudar.

Como é a súa relación coa oposición?
Eu creo que vai ben. Hai comunicación e pido sempre respecto á oposición e que a oposición respecte ao goberno. Se propoñen algo viable, témolo en conta.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    Teño 66 anos, estou casado e teño unha filla.
  • Profesión e formación
    Estudei bacharelato, fixen un curso de electricidade (no Exército) e tamén levei unha explotación gandeira.
  • Se puidera escoller, que lle gustaría ser?
    A verdade é que eu nunca pensei en ser alcalde. Eu estaba entusiasmado co meu traballo e co campo.
  • Que quería ser de maior?
    De pequeno gustábame un pouco de todo, como a moitos rapaces, pasábache pola cabeza ata ser policía.
  • Que fai para desconectar?
    É case imposible desconectar, pero cando podo vexo o fútbol, son do Real Madrid, ou algún debate.
  • Unha virtude e un defecto
    A miña virtude penso que é que son moi dialogante. Como defecto diría que ás veces escoito de máis.
  • Un consello para compartir
    Que sexamos humildes.
  • Un libro
    Leo un moi voluminoso a ratos e nunca o acabo: Don Quixote.
    Unha Película
    Gladiator, aínda que me gustan tamén as do oeste.
    Un grupo de música/cantante
    Os Scorpions.
  • Unha afección
    Supoño que ir ver o fútbol o bar cando podo.
  • Un lugar que visitar
    As Fervenzas de Zarzo, aquí en Irixoa.
  • Unha comida e unha bebida
    Un bo cocido e un bo viño Mencía.
  • Unha personaxe admirada
    Amancio Ortega.
  • Unha posesión apreciada
    O máis importante para min foi ter a miña filla.
  • Un desexo
    Saúde.
  • Algo para esquecer
    A época da pandemia do covid, que foi moi dura.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A humildade.
  • Un desafío pendente
    Rematar de completar o abastecemento e seguir co saneamento onde faga falta.
  • Onde se ve en cinco anos?
    Non o sei a verdade, é complicado. Igual viaxando.
⚙ Configurar cookies
0.081740856170654