A voz dos alcaldes: Fernando Pérez Fernández, rexedor de Vilasantar

Fernando Pérez Fernández, alcalde de Vilasantar, un concello rural de aproximadamente 1.229 habitantes, afronta o reto de frear a despoboación mellorando os servizos básicos, impulsando proxectos sostibles como a comunidade enerxética e o novo punto limpo, e apostando por un desenvolvemento económico ligado ao coidado do territorio e ao turismo de natureza.
Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Comecei polo ano 2011, unhos meses antes das eleccións municipais dese ano. Anteriormente nunca estivera en política e tampouco en ningún partido. Eu era traballador municipal e propuxéronme como candidato do Partido Popular para intentar conseguir a alcaldía que naquel momento tiña o BNG. Vinculeime ao PP porque para mín era e é a opción máis responsable.
Como deu o salto o recibiu o impulso para ser alcalde?
O impulso para ser alcalde déronnolo os veciños e as veciñas coa sua confianza nas urnas.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Un dos máis importantes é que as veces tes que renunciar ao teu tempo libre e non sempre podes conciliar a vida familiar ao teu gusto, xa que este traballo implica unhos horarios e exixencias que ocupan gran parte do dia.
E beneficios?
O que está claro, polo menos no meu caso, é que os beneficios compensan e moitas veces superan os sacrificios. Un dos maiores beneficios é a satisfación por parte de veciños e veciñas dunha xestión ben feita. Poder solucionar os problemas da veciñanza no día a día de xeito cercano e direto é un privilexio.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Para un concello pequeno e rural como é Vilasantar o meu obxetivo principal é mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas mantendo e potenciando os servizos municipais.
E como Goberno de cara á próxima lexislatura?
Algúns obxectivos son ter auga municipal no 100% do concello (actualmente temos o 85%), a construcción da primeira instalación fotovoltaica da nosa comunidade enerxética 'Vilasantar Enerxía', impulsar as concentracións parcelarias nas parroquias que nos quedan, conseguir o 100% de luminarias led na iluminación pública, rematar o sendeiro dos muíños polo río Gándaras e sobre todo seguir avanzando para ser un concello comprometido co medio ambiente.
Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Si o prioritario é o cidadán, sí; si o prioritario son intereses partidistas, non.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Os servizos básicos municipais, o coidado do medioambiente e o territorio, a promoción do turismo natural e o benestar social.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A necesidade máis grande que ten Vilasantar é ter un mellor financiamento. Somos un concello moi limitado a nivel económico, dependemos fundamentalmente dos ingresos que nos fan outras administracións e iso limítanos á hora de afrontar novos retos.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
A día de hoxe, tres son os proxectos dos que me sinto máis orgulloso, todos proxectos sostibles que respetan o medioambiente e promocionan a natureza do noso territorio: a creación do novo punto limpo inaugurado este ano, moi alonxado dos puntos limpos tradicionais, e onde se aposta por unha economía circular; a construcción e ampliación do sendeiro dos muíños que transcorre pola veira dos río Gándaras e a creación da comunidade enerxética.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Que me vexan como unha persoa cercana, empática, accesible e comprometida coas necesidades do noso pobo.
Como é a súa relación coa oposición?
Dende os comezos foi distante e de pouca colaboración.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
53 anos, casado e cunha filla de 19 anos. - Profesión e formación
Técnico deportivo antes de ser alcalde. Ademáis, son diplomado en educación física. - E si non foras técnico deportivo que che gustaría ser?
Sempre quixen ser bombeiro. - Que querías ser de maior
Bombeiro. - Que fas para desconectar?
Deporte, música e familia. - Unha virtude e un defecto
Según os demáis, unha virtude miña é a xenerosidade ou a amabilidade e un dos defectos que teño é que son un pouco terco. - Un consello para compartir
Un clásico moi certeiro: nunca fagas o que non che gustaría que che fixeran a tí. - Un libro
O último de Juan Del Val, titúlase 'Vera', recén premio planeta e que teño gañas de ler. - Unha película
'Dos en la carretera'. - Un grupo de música/cantante
'Suede'. - Unha afección
O deporte. - Un lugar que visitar
O Batán de mezonzo e a súa fervenza. - Unha comida e unha bebida
Cocido galego con viño. - Unha personaxe admirada
Diego González Rivas. - Unha posesión preciada
As fotos antigas de familiares e amigos que xa non están. - Un desexo
Que a vida lle vai ben aos meus. - Algo para esquecer
Os accidentes, as enfermidades e as guerras. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A honestidade e a lealdade. - Como equilibras a vida pública e a privada?
Priorizando según a importancia. - Usas redes sociais?
Pouco as redes, xa que non me dan moita confianza e bastante o Whatsapp xa que é unha ferramenta básica e moi útil a día de hoxe. - Un desafío pendente.
Viaxar máis. - Onde te ves en cinco anos?
Agardo que en Barbeito, a parroquia onde vivo.