A Volta a Oza abrirá en setembro a segunda parte do circuíto Coruña Corre

O Concello da Coruña xa traballa na organización da Volta a Oza, a próxima cita do programa municipal Coruña Corre, que se disputará o vindeiro 13 de setembro. A proba marcará o inicio da segunda metade da tempada deste circuíto deportivo, unha iniciativa que promove a práctica do exercicio físico ao aire libre ao tempo que dinamiza distintos barrios da cidade.
A carreira desenvolverase por zonas dos Castros, Eirís e o Castrillón, cun percorrido de algo máis de seis quilómetros que combina tramos de asfalto e camiños de terra. O itinerario incluirá espazos como o parque de San Diego, a avenida da Concordia, os parques de Eirís e Oza e a rolda de Outeiro, antes de finalizar novamente en San Diego.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que a Volta a Oza é unha das probas máis coñecidas do calendario de Coruña Corre e lembrou que o desnivel existente nalgunhas zonas convertea nun reto atractivo para os participantes. Ademais, puxo en valor o papel do programa municipal na promoción dos hábitos saudables entre a cidadanía.
As inscricións para participar nesta décimo terceira edición xa están abertas a través da páxina web de Coruña Corre e permanecerán dispoñibles ata o próximo 6 de setembro.
A Volta a Oza servirá tamén como preparación para a Coruña10, outra das carreiras de referencia da cidade, que celebrará a súa vixésima edición o 4 de outubro. Segundo indicou Manuel Vázquez, moitos corredores utilizan o circuíto municipal como paso previo para afrontar distancias máis longas, polo que esta proba pode resultar especialmente útil para seguir acumulando quilómetros de adestramento.
A Coruña10 xa ten aberto o seu prazo de inscrición e supera actualmente o milleiro de persoas anotadas. Ademais, a organización confirmou a presenza do atleta galego Adrián Ben, recentemente proclamado de novo campión de España dos 1.500 metros, que será un dos grandes atractivos da cita.