A vivenda pública avanza na rúa Rei Abdullah coa adxudicación das obras

A construción de 12 novas vivendas de promoción pública na rúa Rei Abdullah, na Coruña, dá un novo paso coa adxudicación das obras á empresa Prosema Noroeste por un importe de 2.087.490 euros. A decisión foi acordada polo Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, Vipugal, presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue.
A promoción levantarase na parcela B5 do polígono F6.02-Praza Porticada I-PB5, nun solo cedido polo Concello da Coruña. O proxecto prevé un edificio de baixo e seis plantas, cun total de 12 vivendas repartidas en altura.
A planta baixa reservarase para espazos comúns e servizos do inmoble, con 12 rochos, centralización de contadores, cuarto de caldeiras, cuarto comunitario, cuarto de lixo e centro de transformación. Nas seis plantas superiores haberá dúas vivendas por andar: unha de dous dormitorios e outra dun dormitorio, ata completar seis pisos de cada tipoloxía.
O proxecto foi redactado por Cristina Ansede Viz, cun contrato adxudicado por 79.376 euros. A actuación xa fora licitada en marzo cun investimento previsto superior aos 2,2 millóns de euros e cun prazo de execución estimado de 18 meses, polo que a súa finalización se situaba entre finais de 2027 e comezos de 2028.
Esta nova promoción forma parte da estratexia da Xunta para ampliar o parque público residencial na cidade. O Goberno galego sitúa esta actuación dentro dun paquete máis amplo de vivenda pública na Coruña, onde asegura ter máis de 1.000 vivendas en distintas fases de tramitación ou construción, cun investimento mobilizado de arredor de 200 millóns de euros.
O proxecto da rúa Rei Abdullah súmase a outras actuacións previstas ou en marcha na cidade, como as promocións de Xuxán, Os Rosais, Pedro Fernández ou Elviña. A Xunta defende que a colaboración cos concellos para dispoñer de solo é unha das claves para incrementar a oferta de vivenda pública e protexida.