A viticultura sostible gaña terreo nos viñedos da IXP Terras de Betanzos

A sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas acolleu este xoves 14 de maio unha xornada centrada no futuro do viñedo e na súa adaptación aos retos ambientais. O encontro, baixo o título 'Infraestrutura verde e viticultura no territorio da IXP Betanzos', reuniu persoal investigador, profesionais do sector e entidades vinculadas ao proxecto ECOSPHEREWINES, unha iniciativa europea que traballa na recuperación e mellora ambiental de zonas vitícolas de alto valor ecolóxico.
A cita permitiu coñecer os avances deste proxecto, coordinado pola Fundación Juana de Vega e centrado na mellora dos servizos ecosistémicos das paisaxes vitícolas mediante a creación de infraestrutura verde. A iniciativa busca favorecer a biodiversidade, a conservación do capital natural e unha maior resistencia dos viñedos fronte ao cambio climático.
O vicepresidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, Sergio Platas, abriu a xornada xunto ao director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. Durante a súa intervención, Platas puxo o acento no valor dos viñedos como parte da paisaxe e da identidade do territorio. Segundo destacou, este tipo de proxectos demostran que 'é posible compatibilizar a actividade económica, conservación ambiental e desenvolvemento rural'.
O programa incluíu varias intervencións técnicas. O doutor Alfonso Ribas, director da Área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, abordou a mellora dos servizos ecosistémicos e o papel da infraestrutura verde en zonas agrícolas de especial valor ambiental. Pola súa banda, Juan José Villaverde, científico titular da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC, analizou os avances cara a modelos máis ecoeficientes nas explotacións vitivinícolas.
A xornada completouse cunha visita á parcela piloto situada na IXP Terras de Betanzos, nunha finca da adega Pagos de Brigante. Nese espazo estanse ensaiando técnicas destinadas a recuperar antigos terreos de viñedo e mellorar o seu comportamento natural, nunha comarca marcada pola influencia atlántica e pola singularidade dos seus solos e condicións climáticas.
ECOSPHEREWINES conta con 13 socios de España, Francia e Portugal e está coordinado pola Fundación Juana de Vega. Nel participan tamén a Reserva de Biosfera, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña, a Plataforma Tecnolóxica do Viño e adegas como Pagos de Brigante, entre outras entidades. O proxecto dispón dun orzamento de 1.622.891 euros, cofinanciado nun 75% polo programa Interreg Sudoe con fondos FEDER.