A verbena en galego ponlle ritmo ás Letras Galegas en Sada

Sada celebrará as Letras Galegas 2026 cunha fin de semana marcada pola música, a tradición oral e as actividades pensadas para achegar a lingua galega ás crianzas. A programación impulsada pola Concellería de Cultura desenvolverase entre o sábado 16 e o domingo 17 de maio, con propostas na Casa da Cultura e na Praza Suárez Picallo.
A homenaxeada deste ano é Begoña Caamaño, escritora, xornalista e activista á que a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2026. A súa figura será o eixo do obradoiro 'Letras Galegas Pequeniñas', unha proposta deseñada para público infantil a partir de tres anos que se celebrará o sábado 16, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura. O espectáculo, de arredor dunha hora de duración, combinará narración e música coa artista Sheila Patricia.
A actividade continuará ese mesmo día ás 19.30 horas co concerto da Banda Municipal polo Día das Letras Galegas, baixo o título 'Homenaxe á Verbena en Galego'. A actuación contará coa voz de Alberto Dopico e terá entrada libre ata completar a capacidade da sala.
O domingo 17, a partir das 17.00 horas, a Praza Suárez Picallo acollerá un festival de música tradicional coa participación das agrupacións Nova Troula, Queiroa e A Meda do Castro. A xornada rematará co concerto da formación de pandereteiras Bouba. En caso de tempo desfavorable, a celebración trasladarase ao Auditorio da Casa da Cultura.