Á venda as últimas entradas para o concerto de Nadal de Carlos Núñez no Teatro Colón

ACoruñaXa
O recoñecido gaiteiro galego presentará o seu espectáculo "Celtic Sea" este xoves 26 na Coruña
Carlos Núñez
24 Dec 2024

Este xoves 26 de decembro, o Teatro Colón da Coruña será escenario dun dos concertos máis esperados do Nadal, protagonizado polo gaiteiro galego máis internacional, Carlos Núñez. O espectáculo, titulado Celtic Sea, comezará ás 20:30 horas, e aínda están dispoñibles as últimas localidades para desfrutar desta cita musical única.

O concerto, que forma parte da programación de Nadal do Concello da Coruña, é xa unha tradición nestas datas. Carlos Núñez regresa á súa terra despois de levar o seu proxecto por lugares emblemáticos como a catedral de St. Patrick’s en Dublín, o Glasgow National Concert Hall ou o Kaufman Music Center de Nova York, entre outros. Celtic Sea combina a esencia da música tradicional galega con influencias internacionais, creando unha experiencia única para o público.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou “a aposta do Goberno de Inés Rey polos artistas galegos, tanto emerxentes como consagrados, que enriquece a programación cultural da cidade”.

As entradas para este evento especial poden adquirirse a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense ou no propio Teatro Colón o día da actuación. Os prezos oscilan entre os 18 e os 34 euros, con descontos do 20% para persoas con Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego, e do 25% para familias numerosas.

0.20840907096863