Á venda as entradas para os dous concertos de Sés no Teatro Colón, onde estreará o libro-disco 'Nadando na incerteza'

O Teatro Colón da Coruña acollerá os días 10 e 11 de xaneiro de 2026, ás 20.30 horas, dous concertos de Sés nos que a artista presentará en directo o seu novo traballo, o libro-disco 'Nadando na incerteza'. As entradas están xa á venda a través da plataforma Ataquilla e poderán adquirirse tamén nas billeteiras habituais da praza de Ourense (de luns a venres, agás festivos) e na do propio Teatro Colón desde dúas horas antes do comezo de cada función, sempre que queden localidades dispoñibles.
'Nadando na incerteza' verá a luz o 28 de novembro e preséntase como un libro-disco composto por trece temas orixinais, concibido como un regreso á esencia da canción, cunha sonoridade depurada e centrada na voz, a melodía e o texto, sen artificios nin sobreproducións. A artista coruñesa aposta así por un formato máis acústico e íntimo, no que a composición e a palabra teñen un peso central, en liña co adianto que leva o mesmo título e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais.
No escenario do Colón, Sés estará acompañada por un elenco reducido que reforza ese carácter próximo e artesán do directo: Sabela Galbán (acordeón, frauta, percusións e voz), Hirahi Afonso (timple canario e guitarra), Tito Calviño (guitarra) e Mayfer Pinto (percusións). Trátase dunha formación pensada para construír unha atmosfera cálida e honesta, na que cada instrumento dialoga coa voz e cos textos da cantautora.
Nesta xira, Sés presentará o novo libro-disco por diferentes cidades galegas a comezos de 2026, nun repertorio que combinará as novas cancións de 'Nadando na incerteza' coas pezas máis recoñecibles da súa traxectoria. Paralelamente ao disco, a artista dará a coñecer tamén o letrario 'Mentres quede corazón', unha publicación que recompila a súa produción poética e musical desde 2011 e que permite achegarse ás letras que a consolidaron como unha das voces de referencia da música galega actual.
As funcións de xaneiro enmárcanse na liña de traballo do Goberno de Inés Rey a prol da cultura de proximidade, cunha programación continuada de talento galego ao longo de todo o ano e co obxectivo de consolidar A Coruña como capital cultural de referencia no noroeste peninsular.
En materia de prezos, o Concello lembra que se aplicarán descontos do 20 % para persoas maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove e persoas desempregadas, así como un 25 % para familias numerosas. Para beneficiarse destas reducións será necesario presentar a documentación acreditativa tanto no momento da compra das entradas como no acceso ao teatro.