A veciñanza de Rumbo reclama unha marquesiña para mellorar a seguridade da parada de autobús

ACoruñaXa
Alternativa dos Veciños leva ao pleno a demanda e propón trasladar a parada a un punto con maior visibilidade na estrada de Ledoño a Vinseira Pequena
CULLEREDO reubicacion parada bus
4 Aug 2026

A instalación dunha marquesiña e a mellora da seguridade da parada de autobús de Rumbo, en Culleredo, centran unha iniciativa presentada por Alternativa dos Veciños no pleno municipal tras recoller unha demanda da veciñanza da zona.

Segundo explica a formación, a parada actual carece de marquesiña e está situada na estrada provincial CP-3102, que une Ledoño con Vinseira Pequena, nun tramo de curva con escasa visibilidade. Esta situación, sinalan, supón un risco para as persoas usuarias do transporte público e, especialmente, para o alumnado que emprega o transporte escolar.

Ademais da instalación da marquesiña, a proposta inclúe o traslado da parada a unha localización que consideran máis segura. En concreto, a veciñanza propón situala nun tramo recto da mesma estrada, á altura das naves industriais, co obxectivo de mellorar a visibilidade e facilitar tanto a parada dos autobuses como o acceso dos usuarios.

Alternativa dos Veciños solicita ao goberno local que realice as xestións necesarias para atender esta petición veciñal e que a nova infraestrutura conte con todas as condicións técnicas e de seguridade esixidas.

A formación considera que a actuación permitiría mellorar as condicións de espera das persoas usuarias do transporte público ao tempo que incrementaría a seguridade viaria nun punto frecuentado polo transporte escolar.

0.12065100669861