A veciñanza de Icaria denuncia cortes de luz sen aviso e Oleiros reclama explicacións a Naturgy

Veciños e veciñas da zona de Icaria trasladaron ao Concello de Oleiros a súa preocupación polos ‘numerosos’ cortes na subministración eléctrica que din sufrir de maneira continuada e, segundo indican, sen ningún aviso previo. O municipio sinala que estas interrupcións están a provocar prexuízos aos usuarios, con avarías en electrodomésticos e pequenos aparellos electrónicos, ademais de complicacións para as persoas que teletraballan.
Segundo a comunicación recibida polo Concello, a veciñanza tamén afirma que non obtivo resposta ás reclamacións trasladadas á compañía. Ante esta situación, o goberno municipal anuncia que se dirixirá á empresa para esixir información e para que se avise á poboación con tempo suficiente cando existan cortes programados.
O propio Concello lembra que, noutros momentos, Naturgy trasladou avisos de interrupcións por traballos de mantemento con indicación de rúas e horarios, e facilitou un teléfono de contacto. Ademais, a distribuidora UFD (Grupo Naturgy) conta cun apartado de ‘avisos de cortes programados’ na súa web.