A Valedora do Pobo abre dilixencias sobre Arteixo tras unha queixa pola falta de resposta ante o problema dos alugueiros

ACoruñaXa
Arteixo Futuro denuncia silencio do Concello ante a súa petición de analizar o mercado e valorar a declaración de ‘zona de mercado residencial tensionado’, unha figura prevista na Lei estatal de Vivenda
ARTEIXO alquiler
30 Dec 2025

A Valedora do Pobo vén de iniciar actuacións de investigación sobre o Concello de Arteixo tras unha queixa presentada por Arteixo Futuro, que acusa ao goberno local de non responder á súa solicitude para abordar a escalada dos prezos do alugueiro e estudar a posibilidade de impulsar a declaración do municipio como ‘zona de mercado residencial tensionado’. A plataforma rexistrara o escrito no mes de xuño e sostén que, pasados cinco meses, non obtivo contestación, polo que decidiu acudir á institución que actúa como alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos da cidadanía fronte ás administracións.

Segundo Arteixo Futuro, a falta de resposta produciríase malia tratarse dunha petición para realizar unha avaliación técnica do mercado local do alugueiro e, a partir de aí, decidir se procede activar a tramitación dunha eventual ‘zona tensionada’, que require informes e unha memoria xustificativa. A entidade asegura que na actualidade xa se ven anuncios con alugueiros por riba dos 1.000 euros ao mes e habitacións que superan os 400 euros mensuais, e advirte de que a situación está a xerar dificultades de acceso á vivenda para mozas, familias e persoas maiores.

A figura das ‘zonas de mercado residencial tensionado’ está recollida na Lei 12/2023 polo dereito á vivenda e permite aplicar medidas específicas en áreas con forte presión de prezos, especialmente en novos contratos (con distinta incidencia segundo se trate de pequenos propietarios ou grandes tenedores), ademais de outras actuacións e obrigas de información. En Galicia, A Coruña foi o primeiro concello declarado oficialmente como zona tensionada, coa declaración publicada no BOE e cun período de vixencia de tres anos.

Arteixo Futuro sostén tamén que a mobilización de vivenda baleira debería formar parte da resposta pública e apunta que no municipio habería máis de 3.500 vivendas sen ocupar, un dato que utiliza para reclamar cooperación entre administracións e máis ferramentas locais para poñer oferta no mercado. Mentres, a intervención da Valedora abre agora un procedemento no que a institución pode solicitar información ao Concello e emitir recomendacións, co obxectivo de esclarecer se se cumpriron as obrigas de resposta e transparencia.

⚙ Configurar cookies
0.097561120986938