A Universidade Europea Emerge, co apoio da UDC e outras 8 institucións académicas, recibe 14,5 millóns de euros da Comisión Europea

ACoruñaXa
Este proxecto de cooperación, subvencionado pola UE cun total de 14,5 millóns de euros, será desenvolvido nun período de 48 meses
Imaxe de Emerge na UDC
11 Xul 2024

A Comisión europea vén de comunicar a concesión da convocatoria de Erasmus + de 2024 á iniciativa de Universidade Europea da Alianza EMERGE, fundada por 9 universidades da UE, entre elas a UDC. Enmarcada dentro da estratexia “Universidades europeas”, dirixida a avalar as alianzas de institucións de ensino superior, o proxecto Emerge acada un logro importante, tras superar un proceso altamente competitivo.

Tal e como destacou onte o reitor da UDC, Ricardo Cao, en rolda de prensa xunto ao vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, “o éxito nesta convocatoria amosa a forza e o impacto do noso esforzo colectivo, capaz de crear novas oportunidades de crecemento a través do compromiso, a educación e a innovación a nivel internacional”.

Este proxecto de cooperación, subvencionado pola UE cun total de 14,5 millóns de euros, será desenvolvido nun período de 48 meses polas seguintes institucións académicas: Rennes2 (Francia), Université de Bretagne Sud (Francia), University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Innland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Univerzita Mateja Bela (Eslovaquia), Neapolis University Pafos (Chipre) e a Universidade da Coruña, todas elas situadas en rexións periféricas de Europa.

Segundo explicou o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, “A xestión do 11,2% desta suma será responsabilidade directa da UDC, que liderará o paquete de traballo de investigación e coliderará o de mobilidade; un feito que reflicte o liderado e as grandes capacidades da UDC.”

Para iso, en liña co marcado coa Comisión Europea, as Universidades Europeas, como a recentemente aprobada EMERGE, xerarán no medio prazo un importante cambio na estrutura dos estudos superiores; de magnitude similar ao sucedido en 2010 coa implantación do EEES (Espazo Europeo de Educación Superior).

Cos pilares da Inclusión, resiliencia, multilingüismo, diversidade cultural e solidariedade como eixos transversais, EMERGE busca empoderar territorios e comunidades marxinadas para axudar a construír unha Europa máis equitativa, sostible e próspera.

Esta visión implica un cambio na forma de concibir a universidade realizando unha transición cara a un enfoque máis consciente, social e ambiental no ensino e na investigación. Por isto, EMERGE propón un cambio radical, que inviste a orde clásica das tres misións universitarias, poñendo o compromiso coa sociedade como prioridade no seu plan de acción.

Unha das posibilidades que se abren é a obtención de títulos de alto nivel combinando estudos en varios países europeos, o que contribúe ao atractivo internacional e á competitividade do ensino superior europeo.

Destacable é tamén a unión nas diferentes iniciativas entre persoal investigador, empresas, cidades, autoridades e organizacións da sociedade civil.

De feito, ademais das 9 universidades, na Alianza tamén participan, en calidade de entidades asociadas, 56 entidades; das que 3 son galegas: Asociación Clúster TIC Galicia, Plataforma Coruñesa de Voluntariado e Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo).

UDC, coordinadora I+D+i

A UDC coordinará os traballos de I+D+i, sendo os principais obxectivos neste eido a creación dun fondo de recursos dirixidos a reforzar a calidade, o rendemento, o impacto e o atractivo da nosa investigación; a promocionar experiencias prácticas ao estudantado e a impulsar a Ciencia e os datos abertos.
Por outra banda, a Universidade da Coruña co-coordinará os traballos para fomentar a mobilidade nas institucións participantes, tanto entre as universidades da alianza como con outras institucións externas.

Iniciativa Universidades europeas

A iniciativa «Universidades Europeas» apoia alianzas transnacionais de, máis ou menos, nove institucións de educación superior que poden incluír diferentes tipos de centros, como universidades de investigación, universidades de ciencias aplicadas, institutos de tecnoloxía, escolas de arte e institucións superiores de educación e formación profesionais.

Estas institucións de educación superior desenvolven unha cooperación estrutural, sostible e sistémica a longo prazo en materia de educación, en alianza coa investigación e a innovación, a través das fronteiras, e contribúen a resolver os retos sociais.

Ofrecen plans de estudos impartidos conxuntamente en campus interuniversitarios, nos que os estudantes, o persoal e os investigadores de toda Europa poden gozar dunha mobilidade sen fisuras.
Tras a incorporación das 14 últimas, aprobadas a semana pasada, actualmente esta iniciativa está conformada por 64 alianzas que abarcan 35 países, incluídos todos os Estados membros da UE, así como Albania, Bosnia e Hercegovina, Islandia, Montenegro, a República de Macedonia do Norte, Noruega, Serbia e Turquía, e 560 institucións de educación superior. Están firmemente ancoradas en comunidades e redes de innovación, que reúnen a case 2200 socios, desde organizacións non gobernamentais ata empresas, cidades, entes locais e rexionais e institucións de educación superior dos países do Proceso de Bolonia.

 

0.10337400436401