A Universidade da Coruña pon en marcha a adaptación dos seus Estatutos á LOSU
O Claustro da Universidade da Coruña, reunido onte, aprobou a constitución dun grupo de traballo para elaborar os novos estatutos seguindo a LOSU. Previamente á constitución destes equipos, e como primeiro paso, a mesa do Claustro realizará un informe de carácter técnico co obxectivo de identificar as novidades que introduce a LOSU susceptibles de provocar unha modificación dos Estatutos da UDC.
Posteriormente, abrirase un proceso participativo para determinar o alcance da reforma estatutaria, tal e como se reflicte na proposta aprobada na reunión o pasado mércores. Será o Consello de Goberno o encargado de deseñar e aprobar os grupos de traballo necesarios para desenvolver esas modificacións en cada unha das áreas específicas.
Polo que respecta á memoria, o reitor, Ricardo Cao, detallou os principais indicadores de 2023, ano no que a matrícula total nos 23 centros que constitúen a UDC foi de 17.304 persoas. Os graos foron os que experimentaron maior crecemento, sendo este curso 13.746 matrículas fronte ás 13.578 do anterior. Pola súa banda, as matrículas en doutoramento foron similares ás do ano anterior, con 1.260 (1.258 no curso 22/23) mentres que as de máster foron as únicas que experimentaron un leve descenso con 2.298, 32 menos que o ano anterior, tras o crecemento ininterrompido dos últimos anos.
Con respecto á investigación, destaca a captación de recursos externos durante o 2023, ano no que ascendeu a 14,7 millóns de euros, unha cifra similar á de anos anteriores, aínda que menor á do ano 2022, determinada pola inexistencia de convocatoria por infraestruturas do Ministerio.
En 2023 asináronse 248 contratos, cun importe total de 5,98 millóns de euros. Ademais, presentáronse un total de 16 patentes e 20 rexistros de Software e creáronse 2 novas spin-off.
Nos indicadores de investigación de 2023, conseguiuse un fito no número de sexenios de investigación, cun total de 888 tramos avaliados positivamente. Foi tamén moi relevante o incremento das publicacións científicas de alto impacto: 1.115 artigos, dos que 1.090 corresponden a artigos indexados en JCR, o índice máis relevante na medida da calidade das publicacións científicas.
Informe orzamentario
O equipo de goberno deu a coñecer ao Claustro o Informe sobre a Situación Orzamentaria do 2024. Durante a súa intervención, o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández, explicou que o orzamento da UDC, corrixido pola inflación, foi en 2023 un 5% inferior ao de 2009.
Esta circunstancia, sumada á insuficiencia de financiamento estrutural, fai preciso establecer un paquete de medidas para a contención do gasto corrente á vez que se mantén o investimento en persoal. Estes factores levan ao equipo de goberno a manter a prórroga orzamentaria aprobada no pasado mes de decembro, ao tempo que se traballa na captación de novos fondos non finalistas e nunha planificación orzamentaria.
Memoria da Valedora Universitaria
A Valedora Universitaria informou do balance de actividade de 2023, ano no que se rexistraron un total de 101 queixas e 90 consultas. Segundo a Valedora estas cifras “merecen unha reflexión e análise” para a mellora.
Gran parte das queixas segue procedendo do alumnado (56%), seguido do PDI (19%) e do persoal de administración e servizos (13%). O incremento das reclamacións veu da man do profesorado e do persoal de administración, mentres que descenderon entre o estudantado, con cuestións centradas en temas de acceso, taxas e xestión académica. Pola súa banda, a maioría das queixas do profesorado teñen que ver coa organización e actividade docente e as do persoal de administración e servizos son relativas a asuntos laborais.
Pola súa banda, as consultas centráronse en aspectos relacionados con criterios de avaliación; a maioría das procedentes do profesorado teñen que ver coa organización e actividade docente e as do persoal de administración e servizos refírense a asuntos laborais.