A Universidade da Coruña organiza a Semana da Paleontoloxía

ACoruñaXa
Máis de medio milleiro de especialistas en Paleontoloxía reuniranse esta semana na Coruña, no marco das XXXIX Xornadas da Sociedade Española de Paleontoloxía
Imaxe semana da Paleontoloxía
1 Out 2024

A cidade da Coruña acolle esta semana as XXXIX Xornadas da Sociedade Española de Paleontoloxía, organizadas pola Universidade da Coruña, do 2 ao 5 de outubro. Durante estes días, máis de medio milleiro de persoal investigador en Paleontoloxía poderán participar nas actividades formativas, conferencias, exposicións de pósters científicos e incluso unha saída ao campo, o Xeoparque Mundial da UNESCO nas montañas do Courel.

Todas estas actividades están normalmente reservadas para o sector académico, pero grazas ao impulso do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da Universidade da Coruña (GRICA), a Sociedade Española de Paleontoloxía e o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA-UDC), durante esta semana todo este talento científico e investigador abrirase á cidadanía en forma de actividades de divulgación que acheguen de xeito sinxelo e ameno unha disciplina tan atractiva como a Paleontoloxía.

Ademais, durante estes días, poñeranse en valor exposicións que se poden visitar nos Museos Científicos Coruñeses, como a exposición “Homínidos e Homínidas” da DOMUS ou os exemplares de fósiles mariños que se poden atopar no Aquarium Finisterrae, entre os que destaca un Ictiosaurus que se mantén en cesión desde o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid.

Charlas con expertos na cidade

A Coruña vivirá unha semana de eventos divulgativos relacionados ca Paleontoloxía grazas á colaboración da Unidade de Cultura Científica da Universidade da Coruña, aos Museos Científicos Coruñeses e á asociación de divulgación científica UDCbigbang.

O mércores, día 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Bar La Olímpica (Rúa Alfredo Vicenti, 39) terá lugar o inicio das actividades, cun relatorio do paleontólogo do CSIC Juan Carlos Gutiérrez-Marco, titulada "Paleontoloxía e aventura: buscando fósiles mariños do antigo continente de Gondwana por montañas, selvas e desertos". Nesta xornada, o reputado doutor en Ciencias Xeolóxicas, compartirá como traballa para desentrañar as condicións paleográficas e paleoambientais nas que viviron seres mariños tres veces máis antigos que o Xurásico, compartindo tamén as súas exploracións por medio mundo, improvisadas con escasos medios pero movidas pola vocación e a oportunidade que lle permitiron reconstruír incluso continentes desaparecidos.

O venres 4 de outubro ás 17.30 no salón de actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas (Praza da Mariña Mercante, A Coruña) terá lugar a conferencia "Dando vida aos dinosauros: técnicas e métodos innovadores en Paleontoloxía" da paleontóloga de vertebrados Verónica Díez Díaz, experta en dinosauros saurópodos, especialmente na diversidade de tiranosauros, paleobioxeografía e biomecánica. Ademais, está especializada en fotometría e escaneado 3D.

A DOMUS será así mesmo protagonista na Semana da Paleontoloxía, acollendo dous eventos na súa sala de cine con pantalla xigante, onde persoal investigador compartirá a súa visión científica sobre algunhas das películas máis populares nas que a Paleontoloxía cobra un papel relevante.

O xoves dia 3, ás 19.30 horas, comentaremos cine con José Bienvenido Díez Ferrer, profesor Titular na Universidade de Vigo e experto en Paleobotánica e o sábado, día 4, ás 18.30 horas, será Armand Hernández Hernández o investigador co que comentar a ciencia detrás do cambio climático e as catástrofes medioambientais do cine. Armand traballa no Grupo de Investigación en Cambio Climático (GRICA) do CICA e é un experto paleoclimatólogo. A súa conferencia representa o peche ideal para unha Semana da Paleontoloxía que nos deixa cunha visión de como esta disciplina pode axudar a salvar o futuro do planeta.

Crea o teu propio fósil na DOMUS

Como parte do peche da Semana, antes da sesión final co Dr. Hernández, en horario de 17.00 a 18.30 horas, a Asociación de Divulgación UDCbigbang organizará diversos obradoiros na DOMUS para todos os públicos, dirixidos a achegar á comprensión do público a escala xeolóxica ou mesmo a elaborar un fósil para levar á casa.

Todas as actividades da Semana teñen carácter gratuíto e son con límite de aforo segundo orde de chegada.

0.1816930770874