A Universidade da Coruña aposta pola proxección global coa Estratexia de Internacionalización 2025-2027

ACoruñaXa
O plan busca aumentar a mobilidade de estudantes e persoal, captar talento internacional e consolidar a presenza académica global
UDC internacionalización
26 Dec 2024

A Universidade da Coruña (UDC) acaba de presentar a súa nova Estratexia de Internacionalización para o período 2025-2027. Este plan integral ten como obxectivo reforzar a proxección internacional da institución e mellorar as competencias globais da súa comunidade universitaria, nun contexto de crecente demanda de habilidades internacionais derivadas da globalización e a integración europea.

Entre os obxectivos principais destaca o fortalecemento da Alianza EMERGE e doutros acordos estratéxicos, a promoción da mobilidade de estudantes e persoal, e a mellora da percepción da UDC como un destino atractivo para estudar e traballar. Ademais, búscase aumentar a participación en proxectos internacionais e mellorar a posición da institución no ámbito global da investigación e a ciencia.

A UDC aspira a que, en 2027, o 5 % do seu estudantado sexa internacional, fronte ao 2,7 % actual, e aumentar a mobilidade do persoal ata o 8 %, o dobre do actual. Outro obxectivo ambicioso é lograr que o 3 % do seu persoal sexa internacional durante períodos de polo menos tres meses, consolidando así unha perspectiva global no ámbito académico.

A estratexia baséase nunha análise DAFO que identifica fortalezas, como a calidade da oferta académica e a participación en programas de mobilidade, pero tamén retos, como a escasa visibilidade internacional e a burocracia administrativa. Para afrontalos, implementarase un plan con medidas como a ampliación da oferta en inglés, a creación de convenios con universidades fóra de Europa e a promoción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Con esta estratexia, a UDC pretende non só consolidar a súa posición internacional, senón tamén achegar valor á sociedade a través dun traballo colaborativo que involucra a toda a comunidade universitaria.

0.16619491577148