A UDC traballa na creación dun Campus Internacional de Sustentabilidade, referente na Unión Europea

ACoruñaXa
A iniciativa busca consolidar a universidade como polo de coñecemento no eido ambiental, cun enfoque interdisciplinar e innovador
Claustro UDC
3 Dec 2024

A Universidade da Coruña anunciou hoxe no seu Claustro a creación dun Campus Internacional de Sustentabilidade que aspire a ser un referente en Europa no ámbito ambiental. O reitor, Ricardo Cao, destacou que esta iniciativa, desenvolvida no marco do Eurocampus EMERGE, permitirá incrementar o potencial da institución neste eido, converténdoa nun espazo innovador e interdisciplinar que achegue solucións reais á sociedade e ao entorno socioeconómico.

Actualmente, a UDC conta cunha ampla oferta formativa vinculada á sustentabilidade, con máis de 30 graos e 40 mestrados. O obxectivo do novo campus será potenciar este coñecemento e exportalo ao contexto internacional, convertendo a universidade nun auténtico "living lab". A través del, os grupos de investigación abordarán retos globais, desde a eficiencia enerxética ata a xestión sustentable dos recursos.

Entre as accións recentes da UDC en sustentabilidade, destaca a instalación de paneis fotovoltaicos en 11 edificios universitarios, cun investimento superior ao millón de euros subvencionado polo INEGA. Esta medida supón un aforro anual de 260.000 euros e unha redución significativa da pegada de carbono. Ademais, está en marcha un proxecto para captar e depurar augas pluviais, co fin de regar o campo de deportes de Elviña, apostando por un uso máis eficiente dos recursos.

No informe presentado no Claustro, Ricardo Cao tamén fixo balance doutros logros alcanzados nos primeiros 11 meses do seu mandato, subliñando avances en participación, igualdade, humanización das normativas e captación de talento investigador. Así mesmo, avanzou novas liñas de apoio a pequenos grupos de investigación a través do programa “Agrupa” e destacou o crecemento dun 26% no alumnado estranxeiro que escolle a UDC para a súa formación.

O reitor insistiu na importancia de combinar a contención orzamentaria coa captación de novos fondos para garantir a viabilidade dos proxectos e seguir fortalecendo a institución como motor de cambio e innovación na sociedade.

0.093485116958618