A UDC reforza a súa excelencia coa incorporación de Ulf Linderfalk, referente mundial no Dereito Internacional
A Universidade da Coruña (UDC) deu un paso máis na súa aposta pola internacionalización coa incorporación do prestixioso investigador sueco Ulf Linderfalk, unha das figuras máis recoñecidas a nivel mundial no ámbito do Dereito Internacional. Linderfalk chega á institución coruñesa tras ser un dos 31 seleccionados na convocatoria ATRAE, promovida pola Axencia Estatal de Investigación, que busca captar talento de excelencia para centros educativos e de investigación en España.
O programa outorgaralle unha subvención de 1 millón de euros para desenvolver o seu innovador proxecto na Facultade de Dereito da UDC ao longo de catro anos, a partir de setembro de 2025. Cabe destacar que o investigador foi o único galardoado no panel de Dereito, consolidando o seu prestixio neste ámbito.
Durante a súa recente visita á UDC, Linderfalk foi recibido polo reitor Ricardo Cao e varios responsables institucionais, entre os que se atopaban o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, e o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro.
Catedrático na Universidade de Lund (Suecia) desde 2001, Linderfalk é recoñecido pola súa investigación interdisciplinar en temas como a interpretación de tratados internacionais, a proporcionalidade e as normas de ius cogens. O seu traballo, publicado en destacadas revistas académicas, ten influído directamente na codificación e desenvolvemento do Dereito Internacional a través de organismos como a Comisión de Dereito Internacional da ONU.
A súa chegada á UDC supón unha oportunidade única para potenciar a investigación e reforzar o papel da universidade no escenario internacional.