A UDC recibe unha delegación de universidades chilenas no marco do proxecto 'Ingeniería 2030'

ACoruñaXa
Representantes do proxecto “Ingeniería 2030, Desarrollo para las Regiones”, das universidades chilenas de Tarapacá e Valparaíso acudiron esta mañá ao CITIC da Universidade
Representantes do proxecto “Ingeniería 2030, Desarrollo para las Regiones”, das universidades chilenas
Representantes do proxecto “Ingeniería 2030, Desarrollo para las Regiones”, das universidades chilenas
Redacción ACoruñaXa
24 abr 2024

A Universidade da Coruña recibiu este mércores, día 24 de abril, unha representación das universidades de Tarapacá e Valparaíso, no marco do proxecto 'Ingeniería 2030, Desarrollo para las Regiones', unha iniciativa conxunta destas dúas universidades chilenas, financiada pola Axencia Nacional de Investigación e Desenvolvemento (ANID) do país andino e que se desenvolve en torno a oito eixes principais vinculados á enxeñaría, tales como a vinculación coa industria e a sociedade, a comercialización e o emprendemento de base tecnolóxica, a participación feminina ou as alianzas internacionais, entre outros.

A xornada deu comezo cunha reunión no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, onde foron recibidos por Manuel González Penedo, o director do CITIC; Javier Pereira, subdirector; Javier Garrido, responsable de Transferencia e Innovación; e Cristina Villar, responsable de Proxectos Internacionais. Tras a xuntanza, os representantes chilenos coñeceron as instalacións do centro de investigación.

A continuación trasladáronse á Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación (OTRI), onde coñeceron como se desenvolven as actividades das oficinas de transferencia en relación coa protección do coñecemento, a explotación a través de acordos de licenza e a creación de empresas baseadas no coñecemento (spin offs), así como as relacións co tecido produtivo. Alí foron recibidos por Susana Ladra, adxunta de Transferencia da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia da UDC, e Maribel Docampo, directora técnica da OTRI.

Para rematar a xornada, o grupo visitou o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da UDC, onde foron recibidos por Fernando Martínez Abella, director científico; e Juan Rabuñal Dopico, director técnico, e mais polo equipo de xestión do centro. Alí visitaron o túnel de vento, e os laboratorios de portos e costas, de construción e de hidráulica.