A UDC recibe a representantes da Secretaría Xeral Iberoamericana para botar a andar o LABIC_ES

ACoruñaXa
O LABIC_ES é un laboratorio iberoamericano de innovación cidadá coproducido pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a UDC, cuxo proxecto foi seleccionado na convocatoria LABIC+10 entre 70 candidaturas de 11 países
Compoñentes da primeira sesión de traballo, celebrada o martes, día 2 de abril
5 Abr 2024

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta semana a visita de Pablo Pascale, xefe da División de Innovación Pública e Cidadá da Secretaría Xeral Iberoamericana (SGIB). Pascale participou nas primeiras sesións de traballo destinadas a poñer en marcha o programa LABIC_ES e mantivo unha reunión co reitor da UDC, Ricardo Cao; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares e outros membros do equipo de goberno da Universidade.

LABIC_ES é un laboratorio iberoamericano de innovación cidadá coproducido pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a UDC, cuxo proxecto foi seleccionado entre 70 candidaturas de 11 países como unha das dúas iniciativas a desenvolver no marco da convocatoria LABIC+10 (o outro foi o do Centro de Innovación Educativa con Tecnoloxías Dixitais de Uruguay Ceibal).

Trátase dun programa de 6 meses de duración co que se busca xerar solucións innovadoras aos desafíos de interese da propia institución que o desenvolve e formar na metodoloxía de laboratorios. É dicir, enfocado na combinación da capacitación en metodoloxías innovadoras e a produción efectiva de solucións.

En concreto, o proxecto da Universidade da Coruña céntrase nas temáticas da saúde e o benestar, resultando clave o desenvolvemento dos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS): ODS 3 (saúde e benestar), ODS 4 (educación de calidade) e ODS 10 (redución das desigualdades).
Ademais de dar visibilidade iberoamericana á UDC como referente na incorporación de procesos de innovación, o laboratorio de innovación cidadá permitirá a creación e divulgación de seis solucións innovadoras que xurdiron da cidadanía iberoamericana e serán prototipadas na UDC.

Cronograma do programa

As primeiras reunións de traballo do LABIC_ES tiveron lugar desde o martes día 2 ata a o xoves 4 de ¬abril e, ademais do xefe da División de Innovación Pública e Cidadá da SGIB, contaron coa participación das seguintes persoas:

  • Mª Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte
  • Moisés Canle López, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización
  • Mariana Romiti, membro do equipo da División de Innovación Pública e Cidadá da Secretaría Xeral Iberoamericana (SGIB)
  • María Bobadilla, adxunta de Política Internacional
  • Bruno Casal, adxunto de Mobilidade e Convenios
  • Teresa Piñeiro, adxunta de Comunicación
  • Sabina Louzán, Claudia Fontao e Milagros Rodríguez, membros da Asociación de Estudantes de Terapia Ocupacional de Galicia
  • Pilar Marante e Mirian Vizcaíno, terapeutas ocupacionais profesoras da Facultade de Ciencias da Saúde
  • María Bañón, presidenta da Asociación de Ex- alumnos Alumni UDC
  • José Jesús Cendán, director da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV) da UDC
  • Lorena Rilo, persoal técnico da OCV da UDC Coruña.

Adriana Ivette Ávila Álvarez, profesora do Departamento de Ciencias da UDC e promotora da candidatura da Universidade ao programa LABIC en colaboración coa Facultade de Ciencias da Saúde.
Tras esta primeira toma de contacto, o cronograma do LABIC_ES continúa coa apertura da convocatoria para a presentación de proxectos, a segunda quincena de abril. As persoas interesadas en presentar propostas poderán facelo ata a terceira semana de maio, e a finais dese mesmo mes está previsto que se coñezan os seis proxectos seleccionados.

Tamén se abrirá unha convocatoria para a selección de persoas cocreadoras, que poderán presentar as súas candidaturas desde o 27 de maio ata o 23 de xuño, e da que se fará pública a escolla durante o mes de xullo. Finalmente, o laboratorio de prototipado desenvolverase no mes de setembro, que será cando se verá na UDC de maneira presencial a aplicabilidade do LABIC_ES.

Os resultados da experiencia da UDC no programa LABIC+10 poderán ademais ser presentados presencialmente na Semana Iberoamericana da Innovación Pública, no marco do Cume Iberoamericano de xefes de Estado e de Goberno 2024. Estes cumes véñense celebrando desde o ano 2014 en diferentes países de Iberoamérica, adaptándose ás características de cada contexto onde se traballará e á temática central do laboratorio.

No ano 2019 a Comisión Europea seleccionou os LABIC como unha das maiores innovacións na cooperación ao desenvolvemento a nivel global.

No caso da proposta da UDC, que agora comeza a desenvolverse, o comité de selección destacou a súa excepcional calidade, resaltando a relevancia de xerar solucións innovadoras no ámbito da saúde e o benestar, e considerando que o traballo que desenvolverá a institución coruñesa é de gran interese e servirá como inspiración para outras universidades de Iberoamérica.

0.17654180526733