A UDC presenta a terceira edición do Anuario de Estudos Marítimos
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, presidiu este mércores na sala de prensa da Reitoría da UDC a presentación da terceira edición do Anuario de Estudios Marítimos, acompañado pola directora do Instituto de Estudos Marítimos, María Isabel Novo Corti; e María José Rodríguez Docampo, secretaria e codirectora da publicación xunto con Fernando González Laxe.
Este Anuario recolle un conxunto de estudos agrupados nas materias de Dereito, a Economía e a Náutica, contando coa autoría de persoas expertas de diferentes universidades e cun consello asesor formado por 19 especialistas internacionais nas materias de dereito, economía, enxeñaría, ciencias, náutica e navegación; traballando de xeito colaborativo.
Durante a súa intervención, o reitor, Ricardo Cao, incidiu na importancia do estudo, que nesta terceira edición avanza na análise global e estratéxica dun sistema marítimo cada vez máis relevante na economía global. Un anuario -resaltou Cao- que “sen dúbida achega importantes claves para poder entender moitas das cuestións que afectan a este sector, sobre todo porque coñecemos a rigorosidade dos estudios deste Instituto, que é un orgullo para a UDC”.
Foi María José Rodríguez Docampo a encargada de debullar os diferentes eixos sobre os que versa este ano a publicación, poñendo en valor cada un dos dezaseis artigos que a compoñen, estruturados en tres áreas:
- Xurídica, onde hai aspectos tan relevantes como a protección e xestión das paisaxes marítimas, as condicións de traballo nas actividades marítimo-pesqueiras ante a transición ecolóxica e dixital ou a ciberseguridade.
- Económica, cunha análise do impacto pesqueiro na economía, pero tamén na sustentabilidade, onde no que atopamos temas de máxima actualidade como a implantación da tecnoloxía blockchain na loxística marítima.
- En Náutica, onde se analizan aspectos técnicos e cuestións medioambientais, como a transferencia de calor nos tanques de regasificación onshore, os gases de escape e o seu efecto sobre o pH ou a contaminación por plásticos procedentes de buques.
Ademais, Rodríguez Docampo anunciou unha novidade que se implantará na vindeira edición do Anuario, en 2025, que será publicada en dixital e contará con descarga gratuíta para todas as persoas interesadas.
Pola súa banda, María Isabel Novo Corti destacou a importancia do sector marítimo nunha economía cada vez máis azul, sobre todo nunha rexión como Galicia, cunha clara vinculación co mar. Tamén puxo de manifesto a importancia da dixitalización do transporte marítimo, que achega grandes vantaxes a un sector cunha importante complexidade loxística, polo gran de número de actores que interveñen na súa xestión organizativa.