A UDC presenta a súa edición do libro de Luísa Villalta 'Por que os homes non nos len?'
A sala cubo do Espazo de Intervención Cultural Normal da Universidade da Coruña foi o lugar escollido para a presentación da publicación do ensaio de Luísa Villalta, a autora á que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
O acto foi presidido por Mª Cristina Naya Riveiro, vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, e contou tamén coa participación de Nieves Pena Sueiro, directora do Servizo de Publicacións da UDC; Mª Pilar García Negro, profesora da UDC e autora do limiar da publicación; e Mª do Carme Fernández Pérez-Sanjulián, docente da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa.
Cristina Naya agradeceu ás herdeiras de Luísa Villalta ter concedido o permiso á Universidade da Coruña para a reprodución da obra co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Así mesmo, aproveitou a ocasión para felicitar a Mª Pilar García Negro polo premio que lle foi concedido recentemente, Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.
Durante o acto Nieves Pena, directora do Servizo de Publicacións, explicou que se trata dun texto breve pero intenso, que “segue plenamente vixente, e que editamos no Servizo de Publicacións para conmemorar á ilustre escritora e música coruñesa. Quixemos facer unha publicación especial, cunha tipografía en cor vermella, para o que a deseñadora da UDC, Julia Núñez, traballou moito na cor do texto e no seu deseño, ata no cosido, lembrando ás mulleres que toda a vida coseron, como tamén coseu nas palabras a autora”.
Pena deu paso á docente Mª do Carme Fernández Pérez-Sanjulián, quen tamén participou na elaboración da publicación, que quixo resaltar a forza do discurso de Villalta e a actualidade do texto. “Falarmos de Luísa é falarmos dunha escritora que cultiva todos os xéneros brillantemente, cun carácter filosófico, que revela o seu proceso de reflexión interna e que nos fai pensar a nós”. Tamén engadiu que o ensaio é un bo modo de entrada na obra da autora e resaltou a súa vinculación coa Universidade da Coruña e coas persoas que forman parte dela. “Hai fotos que dan fe de como a escritora participou no acto de entrega do fondo Francisco Pillado á Facultade de Filoloxía da UDC, un fondo de arquivo teatral nacido a través dun convenio entre o escritor e a UDC e no que se atopa un texto inédito de Villalta, un dos seus primeiros textos”.
Xa para rematar, Mª Pilar García Negro, profesora da UDC e autora do limiar da publicación, amosou a súa felicidade por poder presentar este libro de Villalta, a quen coñecía persoalmente. García Negro resaltou a singularidade da escritora, “conectada – dixo – coa mellor tradición clásica galega e cun alimento recíproco entre a súa faceta musical e literaria, tanto polas cualidades rítmicas como pola disciplina profunda da arte musical presente neste ensaio e na súa faceta de arte literaria”. A docente cualificou a publicación como un “auténtico obxecto de arte, cargado de actualidade, pese a ser do ano 2003, tratando temas de debate aínda hoxe vixentes”. Tamén quixo manifestar que a edición da súa obra, a parte dun dereito, é un deber, e iso debería levar ás institucións galegas a abriren o foco a figuras que deben ser coñecidas e editadas. Neste senso, a Universidade da Coruña é a única universidade galega que rescatou e puido editar un texto de Luísa Villalta. Un apuntamento fundamental, xa que ata hai uns meses había moita máis obra editada sobre a vida de Villalta, que publicacións da súa propia obra.
Por que os homes non nos len?”
O Servizo de Publicacións da UDC editou a obra “Por que os homes non nos len?”, da escritora coruñesa, elaborando unha composición nun soporte manexable e lixeiro, pero que pon en valor o coñecemento e pensamento das palabras que contén. Un texto que simula unha luz vermella, a cal pretende dar aviso sobre algúns dos motivos polos que a escritura e textos creados por mulleres foron minusvalorados ao longo da historia.
Esta edición especial deixa á vista un fío vermello, que ademais da función de soporte, funciona cargado de simbolismo a modo de costura, en homenaxe a todos os libros escritos por mulleres que quedaron cosidos e ocultos durante anos.