A UDC participou no campionato de ciberseguridade 'CITIC Cyber Competition'

ACoruñaXa
A CITIC Cyber Competition é unha competición no ámbito da seguridade informática organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña en colaboración con atlanTTic da Universidade de Vigo e que conta co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade
Imaxe da competición de ciberseguridade celebrada na UDC este xoves 15 de marzo
15 Mar 2024

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este xoves o evento TalentoCibeR e a competición de ciberseguridade CITIC Cyber Competition (C3TF), no que participaron 157 estudantes de toda España repartidos en 40 equipos que competiron entre si nas instalacións do CITIC, desde atlanTTic en Vigo e en formato en liña.

A competición desenvolveuse en formato “Capture The Flag” (CTF), de modo que os estudantes de Formación Profesional, Bacharelato e universitarios tiveron que resolver máis de vinte retos diferentes en ciberseguridade e, no menor tempo posible, “capturar a bandeira”. Estes retos foron desenvoltos por Martiño Rivera, Rubén Pérez, Julián González e David Soler, investigadores do CITIC da área de ciberseguridade.

Ao longo de catro horas, os equipos enfrontáronse a máis de 20 retos relacionados con diversas temáticas que abarcan unha ampla gama de áreas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñería inversa, hacking de aplicacións web ou explotación de vulnerabilidades, entre outros.

Os tres equipos gañadores foron premiados con 1.000 euros, 700 euros e 400 euros cada un. O equipo 'The High Sleuths' formado por Adrià Pérez, Jesús Mosteiro, Jonathan Pichel, Jorge García e Toni Molina foi o que obtivo máis puntuación; o segundo premio logrouno o equipo 'XORprecha' formado por Carlos Flethes, Esteban Segura, Ismael Melchor, José Antonio Díaz e Pedro José Navas. O terceiro premio recaeu en 'Todo o mundo saltando por Marta no seu cumpre', integrado por Diego Fernández, Inés Martín e Jesús Parra.

A entrega de premios contou coa participación de Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña; Alfredo Ramos, director de R e grupo MASMOVIL en Galicia; Ana Fernández, directora da Cátedra R na Universidade de Vigo; e Carlos Dafonte, director da Cátedra R na Universidade da Coruña.

0.1708390712738