A UDC participará no programa LABIC+10 da Secretaría Xeral Iberoamericana
A Universidade da Coruña ven de ser elixida entre 70 candidaturas de 11 países de Iberoamérica para realizar o programa LABIC+10 da División de Innovación Pública e Cidadá (DIPyC) da Secretaría Xeral Iberoamericana (SGIB) xunto á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).
O obxectivo deste programa é coproducir un laboratorio de innovación cidadá para xerar solucións innovadoras aos desafíos de interese da institución que se postula e, á súa vez, a formación na metodoloxía de laboratorios, a fin de deixar instaladas as capacidades para futuros desafíos que se propoña traballar.
A duración do LABIC+10 é de 6 meses, cun enfoque de “aprender facendo”, onde se combina a capacitación en metodoloxías innovadoras coa produción efectiva de solucións.
Ademais, as dúas institucións seleccionadas terán a oportunidade de presentar, de maneira presencial, os resultados do seu paso polo Programa LABIC+10 na Semana Iberoamericana da Innovación Pública, no marco do Cume Iberoamericano de xefes de Estado e de Goberno 2024, que se vén realizando desde o ano 2014 en diferentes países de Iberoamérica e que ten a capacidade de adaptación ás características de cada contexto onde se traballará e á temática central do laboratorio. En 2019 a Comisión Europea seleccionou os LABIC como unha das maiores innovacións na cooperación ao desenvolvemento a nivel global.
Nesta convocatoria, na que abren a opción a universidades e entidades públicas sen fins de lucro para presentarse, contaron con 70 candidaturas de 11 países de Iberoamérica, sendo elixida a UDC en España e Ceibal en Uruguai.
As temáticas presentadas foron baseadas na saúde e benestar. Para a postulación da UDC resultaron claves as temáticas no desenvolvemento dos seguintes Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS): ODS 3 (saúde e benestar), ODS 4 (educación de calidade) e ODS 10 (redución das desigualdades). A aplicabilidade será na UDC de maneira presencial no mes de setembro do 2024, no marco do laboratorio iberoamericano de innovación cidadá LABIC_ES.
O comité de selección destacou a excepcional calidade da proposta presentada pola institución, resaltando a relevancia de xerar solucións innovadoras no ámbito da saúde e o benestar, considerando que o traballo que desenvolverá a UDC é de gran interese e servirá como inspiración para outras universidades de Iberoamérica.