A UDC participa nun proxecto europeo sobre os riscos de zoonose en ecosistemas degradados
Un equipo de investigación da Universidade da Coruña participa no proxecto europeo 'Zoonoses Emergence across Degraded and Restored Forest Ecosystems' (ZOE), que medirá os riscos de zoonose —transmisión de enfermidades de animais vertebrados a humanos, e viceversa— en ecosistemas degradados para poder coñecer cales son os comportamentos humanos poderían influír na súa aparición e propagación.
O proxecto ZOE investigará sobre como a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e certos comportamentos humanos poden facilitar a aparición e propagación de enfermidades zoonóticas. Está formada por un consorcio interdisciplinar con experiencia en xeografía, xeobotánica, ecoloxía, viroloxía, inmunoloxía, epidemioloxía, socioloxía, psicoloxía, antropoloxía e divulgación científica de sete países da Unión Europea e catro de América Latina.
A UDC terá un papel relevante na análise psicolóxica do fenómeno, en tanto que profundará nos aspectos de comportamento, sociais e culturais que conectan a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e a aparición e propagación de enfermidades cuxas vinculacións seguen sendo, en gran medida, pouco comprendidas.
O equipo, liderado pola profesora Adina C. Dumitru Dumitru e formado por Manuel Peralbo Uzquiano e Mª Pilar Vieiro Iglesias, do Departamento de Psicoloxía; e Luisa Losada Puente, do Departamento de Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación; estudará as investigacións ecolóxicas da biodiversidade deste proxecto desde unha perspectiva centrada no ser humano e involucrando ás comunidades locais afectadas pola degradación dos ecosistemas e pola aparición de enfermidades xa que aquelas desempeñan un papel central na prevención e mitigación dos riscos. Farano a través da realización de talleres de resiliencia comunitaria,
O particular enfoque da UDC permitirá avaliar o estado do coñecemento científico sobre os factores sociais, culturais e de conduta que conectan a degradación dos ecosistemas, a perda de biodiversidade e a aparición de enfermidades zoonóticas. Ademais, recompilarán datos sobre os factores humanos que afectan esta relación nas rexións obxecto de estudo, que inclúen tanto ecosistemas europeos como latinoamericanos, recompilando e analizando os datos a través de métodos cualitativos e cuantitativos.
O proxecto ZOE súmase á importante traxectoria seguida polos investigadores da UDC na análise dos determinantes psicolóxicos dos estilos de vida sostibles e do cambio climático, a súa relación coa saúde e o benestar e o desenvolvemento de indicadores de cohesión social, empoderamento e saúde. Todos estes aspectos foron amplamente desenvoltos noutras iniciativas nas que participou a UDC, como 'CONNECTING NATURE', 'MARTEES', 'EU 1.5º LIFESTYLES' e 'EnergyPROSPECTS'.