A UDC participa no certame de Crue, #HiloTesis, un concurso sobre divulgación científica en redes sociais
A Universidade da Coruña, a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural, participa na iniciativa da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da sectorial CRUE-I+D+i e a Fundación Ignacio Larramendi, lanza a cuarta edición do concurso «#HiloTesis: A túa tese doutoral en redes sociais».
Este certame pretende promover a actividade divulgadora entre o estudantado de doutoramento. Así, as persoas investigadoras en formación/doutorandas, tanto se defenderon a súa tese nos últimos 12 meses, coma se a están a desenvolver, teñen a posibilidade de dar a coñecer os seus traballos para reforzar a relevancia social da investigación. O ano pasado presentáronse 384 teses de 47 universidades asociadas á CRUE.
Para participar, as persoas interesadas teñen que elaborar unha publicación en formato de «fío» nas redes sociais X (antes Twitter), Threads, Bluesky e Mastodon, ou utilizar o carrusel de imaxes de Instagram, aproveitando as súas posibilidades como canles de comunicación. O contido debe adaptarse a unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva. Nesta cuarta edición haberá seis premios dotados con 500 euros cada un, grazas ao financiamento achegado pola Fundación Ignacio Larramendi.
O concurso: prazos e instrucións
O concurso desenvolverase desde as 0:00 do 1 de xuño ata as 23:59 do 15 de xuño de 2024 (hora peninsular). A primeira publicación do fío ou carrusel deberá incluír o hashtag #HiloTesis e, se é posible, citar ou etiquetar nunha imaxe a @CrueUniversidad, @RedDivulga, @filarramendi e á conta da universidade participante ou, no seu caso, á súa UCC+I, se dispoñen dela. As publicacións poderán ser en calquera das linguas cooficiais do estado, pero a súa universidade proporcionará unha versión traducida ao español no caso de que resulte elixido para a fase nacional.
O #HiloTesis poderá publicarse en múltiples redes sociais, pero a persoa participante deberá indicar no formulario con cal delas desexa participar.
O persoal investigador en formación participante deberá, unha vez publicado o fío ou o carrusel, inscribirse e facilitar a ligazón a través do seguinte formulario.
As candidaturas deberán contar co visto e prace da persoa que dirixa a tese e garantir que a información proporcionada é susceptible de difusión pública. Se as investigacións estivesen vinculadas a algún acordo de confidencialidade, o estudantado deberá contrastar coas partes implicadas os contidos utilizados no concurso.
Cada universidade participante escollerá nun prazo de 7 días naturais tras o remate do concurso, un #HiloTesis finalista que será enviado á organización para a súa avaliación polo xurado nacional proposto RedDivulga. O fallo producirase previsiblemente na primeira quincena de do mes de xullo.