A UDC organiza unha Xornada de Orientación para os centros de Bacharelato e FP
O Centro de Investigacións Científicas e Avanzadas da Universidade da Coruña (CICA) acollerá o xoves día 22 de febreiro, entre as 9:30 e as 13:30 horas, unha xuntanza con persoal dos departamentos de Orientación de centros de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Superior Galicia e de territorios limítrofes. A reunión, que se desenvolverá en formato híbrido (coa asistencia dos representantes dos centros educativos de forma presencial ou virtual), está organizada pola vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da UDC, a través do Servizo de Estudantes.
O obxectivo do encontro é informar aos orientadores e orientadoras sobre o catálogo de titulacións que se ofertarán na UDC o vindeiro curso 2024-2025, así como do calendario e as novidades das ABAU para este ano 2024 e do procedemento para solicitar a admisión na universidade. Ademais, daráselles a coñecer o programa STEMbach (bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía) da Universidade.
A xornada comezará ás 9.30 horas coa recepción dos orientadores e orientadoras dos centros de Bacharelato e FP. A día de hoxe, un total de 90 persoas confirmaron xa a súa participación, 33 das cales asistirán presencialmente e os 57 restantes conectándose vía telemática ao encontro. De momento, os colexios e institutos inscritos proceden das catro provincias galegas, pero non se descarta a participación de centros educativos de León e de Asturias, territorios aos que a UDC fixo extensiva a convocatoria da xuntanza.
Programa da xornada
A primeira en intervir no acto será a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, encargada de dar a benvida aos asistentes á xornada ás 10. 00 horas.
Logo dará comezo o programa divulgativo, que incluirá catro charlas impartidas polo persoal da Universidade da Coruña. As intervencións durarán ata as 13.15 horas, momento no que está previsto a clausura do evento por María José Lombardía.
Entre as 10.15 e as 10.45 horas o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, presentará a ampla e variada oferta académica de grao da UDC, con especial mención ás titulacións máis consolidadas e singulares.
A continuación, a profesora Susana Ladra impartirá a charla 'Conectando a universidade co bacharelato. O caso de éxito do programa STEMbach', na que explicará o funcionamento e os logros deste proxecto do que é coordinadora na UDC. O programa ten como finalidade promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica a través da oferta para estudantes do Bacharelato STEMbach de proxectos de investigación que teñen como titores a persoal docente e investigador da UDC; o que lles permite unha conexión directa co ensino universitario.
Ás 11.45 horas será a quenda do profesor da UDC e presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), Pedro Armas, quen informará sobre o calendario das ABAU para o próximo curso e o procedemento de preinscrición para a solicitude de praza nas universidades galegas. Armas explicará o funcionamento do sistema das listaxes de admisión, con especial atención ás datas de publicación e actualización das mesmas, detallando como se xestionan as listas de agarda. Ademais, dará a coñecer as novidades das probas ABAU deste ano, como que o estudantado terá que escoller entre presentarse ao exame de Filosofía ou ao de Historia de España, sen ter que realizar os dous.
Finalmente, a última das charlas do encontro impartiraa o adxunto de Estudantes da UDC, José Luis Añón, ás 12.45 horas. A súa intervención estará dedicada ás campañas de divulgación e á vida universitaria.
Ao remate da xornada, aos participantes que asistan de xeito presencial ao encontro ofreceráselles unha visita guiada para coñecer as instalacións do CICA.