A UDC organiza un workshop gratuíto sobre computación aplicada ao CERN
A Universidade da Coruña acollerá, do 2 ao 4 de outubro, un workshop nacional centrado na computación aplicada aos experimentos do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) e outros proxectos científicos que demandan grandes capacidades de computación de alto rendemento.
O evento, que se celebrará na Coruña, ten como principal obxectivo preparar as achegas dos grupos de investigación españois de cara á próxima actualización da Estratexia Europea de Física de Partículas, prevista para o ano 2025. Esta estratexia establece as prioridades da comunidade científica europea neste campo, sendo revisada de maneira periódica, a última vez en 2020.
A participación no workshop é de balde e está especialmente dirixida a estudantes de Enxeñaría Informática interesados no procesamento de datos e nas aplicacións computacionais en física de partículas. Este taller ofrecerá unha oportunidade única para coñecer de preto os desafíos técnicos asociados aos grandes experimentos do CERN, así como para formarse de cara ás novas necesidades da investigación en física de altas enerxías.