A UDC organiza o martes o seminario 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective'
O grupo de investigación sobre Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM) da Universidade da Coruña organiza o seminario internacional 'Trafficking in Cultural Property: A Criminological Perspective', un encontro que terá lugar o vindeiro martes 30 de abril no salón de graos da Facultade de Dereito da Coruña.
O evento, trátase dunha actividade enmarcada dentro do proxecto 'Horizon Europe RITHMS' (Research, Intelligence and Technology for Heritage and Market Security), do que forma parte o ECRIM.
O programa RITHMS, financiado pola Comisión Europea, céntrase en mellorar as capacidades tecnolóxicas das axencias do sistema penal para loitar contra o tráfico de patrimonio histórico e cultural, sinaladamente mediante o emprego de instrumentos de intelixencia e investigación baseados na Intelixencia Artificial (IA). Nesta iniciativa europea, o ECRIM lidera a análise xurídica e ética do emprego da IA e os aspectos criminolóxicos do proxecto.
No marco deste seminario internacional, na Facultade de Dereito da UDC reuniranse investigadoras e investigadores internacionais con responsables das unidades policiais especializadas de varios países europeos (España, Italia, Países Baixos, Romanía), así como con fiscais e representantes da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e do Consello de Europa, para discutir os límites e as potencialidades das actuais estratexias de loita contra este tipo de criminalidade.
Sobre o grupo ECRIM
O grupo de investigación ECRIM (Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI) ten a súa sede na Universidade da Coruña (A Coruña), en concreto nas Facultades de Dereito e Ciencias da Educación.
O ECRIM está formado por uns 30 membros, cunha media de idade en torno aos 40 anos. Aínda que o grupo compóñeno sobre todo persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, varios membros pertencen a outras universidades españolas (Universidade de Cádiz, Universidade das Illas Baleares). Xunto a iso, algunhas das persoas integrantes desenvolven a súa principal actividade no eido das profesións xurídicas, como xuíces, fiscais, avogados e asesores gobernativos, tanto en España como no estranxeiro (Unión Europea, Arxentina). A ampla maioría de membros do ECRIM son doutores, sexa en Dereito ou en Psicoloxía.