A UDC organiza o ciclo 'Marzo Ambiental' cun amplo abano de actividades

ACoruñaXa
O evento da Universidade pretende achegar dende unha perspectiva ampla á realidade climática, ecolóxica e de sustentabilidade actual
Cartel do ciclo 'Marzo Ambiental' da UDC
23 Feb 2024

Un ano máis volver o ciclo 'Marzo Ambiental' á Universidade da Coruña. A sétima edición da actividade, organizada pola Oficina de Medio Ambiente da UDC coa colaboración da Fundación Alcoa, enmárcase dentro da iniciativa 'Campus, Casa, Cidade: Laboratorios do cambio', a cal acadou a participación dunhas 10.000 persoas na súa traxectoria.

A programación desenvolverase entre o 1 e o 22 de marzo, podendo escollerse o tema, o lugar e o momento da participación e haberá un amplo abano de actividades, dende mesas redondas e obradoiros, ata actividades e voluntariado ambiental.

Un ano máis, o 'Marzo Ambiental' constitúe unha peza fundamental de educación para a sustentabilidade na Universidade da Coruña. Faino desde unha perspectiva ampla, con actividades teóricas (relatorios, mesas redondas, cinema) e prácticas (obradoiros, visitas técnicas, voluntariado ambiental), achegando unha perspectiva ampla á realidade climática, ecolóxica e de sustentabilidade actual.

O evento céntrase na vivenda, a cidade e o campus como lugares de estudo e experimentación, achegando nova información ou xerando debate sobre temas de grande importancia, como son a compostaxe e a xestión de residuos, a Axenda 2030, os microplásticos e a contaminación dos océanos, a pegada ecolóxica, o modelo enerxético, a biodiversidade, a mobilidade, as TIC e a intelixencia artificial verde.

A sustentabilidade é un eixo estratéxico da UDC, reforzada co Programa Green Campus, no que xa conta con trece as bandeiras verdes concedidas a centros da Universidade a través dunha auditora externa. A UDC acada así o recoñecemento en materia de sustentabilidade, situándose como a 110º universidade máis sustentable do mundo, e obtendo o 5º lugar entre as españolas (das 1.183 e 29 universidades presentadas, respectivamente), segundo a valoración internacional GreenMetric 2023.

 

0.20582008361816