A UDC lidera un proxecto europeo para mellorar a educación dixital e a integración de inmigrantes
A profesora Pilar Couto Cantero, docente da Área de Didáctica da Lingua e a Literatura da Universidade da Coruña (UDC), está a liderar o proxecto titulado AWKE (A Welcome Kit to Europe), dentro do programa ERASMUS+ KA220-SCH - Cooperation Partnerships in School Education. Este proxecto, que conta con 250.000 euros de financiamento da Unión Europea, terá unha duración de dous anos e foi escollido entre as 40 finalistas dun total de 257 solicitudes presentadas.
O proxecto AWKE ten como obxectivo apoiar plans de transformación dixital en educación primaria e secundaria. Isto inclúe o desenvolvemento da pedagoxía dixital e a experiencia no uso de ferramentas dixitais para os docentes, así como a creación e o uso innovador de contidos educativos dixitais. Ademais, buscará desenvolver as habilidades e competencias dixitais de toda a poboación a través de programas e iniciativas axeitados.
A iniciativa tamén pretende mellorar as competencias básicas, especialmente a competencia en comunicación lingüística, plurilingüe e intercultural. Xunto coa UDC, participan no proxecto outras 10 institucións de 6 países diferentes: 2nd Gymnasium of Nafpaktos (Grecia), Agrupamento de Escolas de Monserrate (Portugal), Asociación de Empresarios Polígono Sabón – Arteixo (España), Eurasia Innovative Society Association (Turquía), Fthia in Action (Grecia), IES Urbano Lugrís da Coruña (España), Instituto Borsellino – Ajello (Italia), Liceo delle Scienze Humane Albertina Sanvitale (Italia), PICE. Profesores para la Innovación y la Calidad Educativa (A Coruña, España) e a University of Cyprus, Software Engineering and Internet Technologies Lab (Chipre).
O proxecto AWKE ofrecerá un "Kit de Benvida" a Europa para inmigrantes que incluirá materiais de aprendizaxe de linguas para os niveis A1, A2 e B1, segundo o MCRL, en seis idiomas: español, inglés, portugués, italiano, grego e turco. Tamén se elaborará un compendio de materiais de aprendizaxe de linguas para aprendices con necesidades educativas especiais, un curso de desenvolvemento profesional para profesores a través de entornos virtuais, un manual para aprendices, familias e profesorado con dificultades para usar ferramentas dixitais, un curso para docentes e discentes para elaborar un plan de negocios, e unha serie de conferencias en entornos reais e virtuais para coñecer as institucións europeas.
Segundo a profesora Pilar Couto, "todos os socios do consorcio están traballando arreo para elaborar os materiais didácticos e cumprir cos obxectivos plantexados". Ata o momento, xa mantiveron dúas xuntanzas transnacionais en Viana do Castelo (Portugal) e en Parma (Italia), seguindo o calendario establecido. Está prevista unha terceira reunión en Grecia e a última en España, na UDC, para celebrar o evento multiplicador e o peche do proxecto.
Así, a estratexia, actividades e resultados deste proxecto contribuirán a solucionar o problema dos inmigrantes e estudantes con dificultades de aprendizaxe, ademais de apoiar ao profesorado que teña alumnado inmigrante nas súas clases, e, en xeral, a calquera alumno interesado en aprender idiomas.