A UDC leva á OTAN a súa investigación sobre a protección da auga potable ante a contaminación militar

ACoruñaXa
O investigador Moisés Canle participará en Lisboa nun taller internacional con 30 especialistas de 13 países centrado na procura de solucións para monitorizar, protexer e restaurar recursos hídricos afectados por actividades bélicas
UDC moises canle
21 Mar 2026

A Universidade da Coruña participará a próxima semana en Lisboa no Taller de Investigación Avanzada G7914 ‘Enfoques para reducir o impacto das actividades militares nos recursos de auga potable’, unha cita internacional promovida no marco do Programa Ciencia para a Paz e a Seguridade da OTAN.

A representación da UDC correrá a cargo do investigador e docente Moisés Canle, que abordará durante o encontro o impacto da contaminación persistente difusa na auga e as tecnoloxías dispoñibles para paliar esta problemática. A súa intervención formarase parte dun foro científico que pretende afondar nun dos retos ambientais máis urxentes ligados aos conflitos e ás operacións militares.

O taller está organizado de maneira conxunta pola Universidade de Stuttgart, en Alemaña, e pola Universidade Técnica Nacional de Donetsk, en Ucraína, co apoio do programa da Alianza Atlántica. A cita reunirá a 30 científicos e persoal experto de 13 países, entre estados membro da OTAN como Alemaña, Reino Unido, Estados Unidos, Países Baixos, España, Polonia, Portugal, Estonia, Letonia e Eslovaquia, ademais de países socios como Ucraína, Kazakistán e Marrocos.

A iniciativa busca impulsar o diálogo científico e a cooperación internacional para facer fronte á contaminación dos recursos de auga potable provocada por materiais químicos e explosivos asociados ás actividades militares. Durante a semana de traballo, as persoas participantes analizarán solucións tecnolóxicas con base científica para monitorizar, protexer e restaurar os sistemas de abastecemento en territorios afectados.

O programa inclúe tamén a presentación de estudos de caso en rexións marcadas por conflitos, así como a análise de materiais innovadores e de novas tecnoloxías de tratamento orientadas á purificación da auga. A presenza da UDC neste foro sitúa á universidade coruñesa nun debate internacional clave sobre seguridade ambiental e protección de recursos esenciais.

0.11706900596619