A UDC incorpora a súa plantilla ao investigador Xabier Rodríguez Martínez dentro do programa InTalent
A Universidade da Coruña celebra estes días a incorporación de novo talento investigador de excelencia entre o seu cadro de persoal. O vindeiro luns, día 1 de xullo, o científico de materiais Xabier Rodríguez Martínez unirase á UDC dentro do programa InTalent, promovido pola Universidade xunto coa empresa Inditex. Grazas a esta iniciativa conséguese o retorno deste investigador galego, experto en novas tecnoloxías para a recollida de enerxía e a descarbonización do subministro eléctrico, incluíndo fotovoltaica e termoelectricidade, baseadas en compostos orgánicos, tales como polímeros conxugados e nanotubos de carbono
Xabier Rodríguez Martínez (Vigo, 1992) completou os seus estudos en Nanociencia e Nanotecnoloxía na Universidade Autónoma de Barcelona no ano 2014, onde tamén obtivo unha beca para proseguir os seus estudos de máster financiada pola Fundación Catalunya-La Pedrera. En outubro de 2020, obtivo o seu doutoramento con premio extraordinario, período durante o cal realizou estancias en centros de moi alto nivel científico internacional, como o Imperial College de Londres, no Reino Unido e o ETH Zurich, en Suíza.
En xaneiro de 2021, o investigador comezou a súa primeira etapa posdoutoral na Universidade de Linköping (Suecia) onde traballou na investigación e mellora de módulos fotovoltaicos totalmente impresos para o seu uso en espazos interiores. En novembro de 2022 obtivo unha prestixiosa beca posdoutoral Alexander von Humboldt para continuar o seu enriquecemento científico no Instituto de Química Física da Universidade de Heidelberg.
O científico ideou o seu propio proxecto de investigación no que empregou mesturas anisotrópicas de polímeros conxugados e nanotubos de carbono para a súa aplicación en termoelectricidade.
Incorporación co CITENI
Xabier Rodríguez incorpórase o día 1 de xullo como investigador InTalent no grupo do Dr. Jaime Martín Pérez, investigador distinguido do Programa Oportunius da Xunta de Galicia, do Grupo de Polímeros do CITENI, situado no Campus Industrial de Ferrol da UDC. Alí traballará vinculado ao proxecto PARACRYST, financiado polo European Research Council (ERC) dentro das prestixiosas axudas Consolidator Grants (CoG).
Dado o seu perfil científico, o investigador centrarase en impulsar novos avances na tecnoloxía fotovoltaica orgánica impresa para fomentar a súa industrialización e adopción na sociedade civil.
Rodríguez mostra especial interese no desenvolvemento de métodos de experimentación de alto rendemento guiados por métodos estatísticos, intelixencia artificial e robots. Entre os seus obxectivos, está mellorar a sustentabilidade da tecnoloxía fotovoltaica orgánica co uso de disolventes non haloxenados e obtidos de fontes renovables, a redución de custos con novos materiais sinteticamente sinxelos, e a impresión industrial mediante métodos roll-to-roll. Estes avances combinaranse con técnicas espectroscópicas in situ e in operando en bancos de estabilidade deseñados a tal efecto. As súas investigacións prevén ter impacto en nichos únicos da tecnoloxía fotovoltaica orgánica, como o seu uso en interiores, en agrivoltaica ou en aplicacións submariñas.
InTalent é un programa de colaboración entre a Universidade da Coruña e a empresa Inditex para a captación e retención de talento investigador, co obxectivo de xerar tecido científico e investigador de excelencia no seo da Universidade da Coruña.