A UDC inaugura hoxe o XV Congreso Español de Tratamento de Augas
As necesidades e desafíos en torno á auga son de vital importancia, e o persoal investigador da Universidade da Coruña, cun firme compromiso coa sostibilidade, realiza importantes esforzos no ámbito da xestión de recursos naturais e o tratamento de augas.
Con este motivo, o Paraninfo da Universidade da Coruña acolle desde hoxe ata o venres o XV Congreso Español de Tratamento de Augas, impulsado pola rede Meta (Mesa Española de Tratamiento de Aguas).
Esta edición, organizada polos grupos Bioenxeñaría Ambiental e Control de Calidade (BIOENGIN)” e Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, reunirá na Coruña a preto de 250 investigadores e expertos no sector, que na actualidade se afronta a desafíos sen precedentes agravados polo cambio climático, o crecemento demográfico e a urbanización.
O acto inaugural do encontro tivo lugar hoxe, ás 12:30 horas, e foi presidido polo vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, quen resaltou a importancia de “fomentar o diálogo entre os profesionais de tratamento de auga cos enxeñeiros da auga na busca de solucións para os desafíos comúns”.
A mesa inaugural contou tamén co presidente da Mesa Española de Tratamento de Augas, Mario Díaz Fernández, o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Sergio Rodríguez Roiloa, que asistiu en representación do Concello da Coruña; e Mª del Carmen Veiga Barbazán, docente da UDC e organizadora do congreso.
O obxectivo deste encontro é inspirar e impulsar solucións que poidan crear un futuro sostible e resiliente, tendo en conta os importantes desafíos que o sector ten por diante. Así, abordará as temáticas principais e máis avanzadas relacionadas co tratamento de augas residuais, como poden ser os contaminantes emerxentes, os procesos avanzados de oxidación de contaminantes, a recuperación de enerxía e de recursos ou a desalinización.
O congreso permitirá crear un foro para promover o debate entre científicos, profesionais e académicos sobre os últimos avances e tecnoloxías no sector da auga, centrando a atención na interrelación entre todo o ciclo da auga, o medio ambiente e a sociedade. Pola súa banda, as empresas poden coñecer directamente o labor desenvolvido polas universidades e centros de investigación, o que permitirá mellorar as perspectivas dos negocios, así como facilitar relacións empresa-universidade-centros de investigación.