A UDC encabeza dous proxectos do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde
A Universidade da Coruña participará activamente no Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada da Saúde (PCBAS) de Galicia liderando 2 dos proxectos (DATAMICROCCR e MCSICAR) e colaborando noutros dous (Nidoa e Inmunomas-Pro).
Este plan, coordinado en Galicia pola Fundación Kaertor, conta cun orzamento de 3 millóns de euros e inclúe 15 proxectos innovadores das universidades galegas e institutos de investigación sanitaria, financiados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que conta con fondos NextGenerationEU.
O programa busca desenvolver novas ferramentas de diagnóstico, terapias avanzadas e avanzar nunha medicina personalizada, coordinando esforzos entre universidades e centros de investigación. Será neste marco no que a UDC terá unha participación relevante a través da súa presenza en catro proxectos.
O proxecto DATAMICROCCR, do que é investigadora principal Susana Ladra, PDI da UDC, realízase en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Prevé o desenvolvemento de ferramentas bioinformáticas e algoritmos para analizar mostras e datos clínicos para o estudo da influencia do microbioma na resposta ao tratamento do cancro colorrectal.
Diversos factores de risco, como o estilo de vida ou a dieta, inflúen no microbioma, o conxunto de xenomas dos microorganismos do corpo humano. Este conxunto inflúe no desenvolvemento e a evolución de patoloxías como o cancro. A análise destes datos e, por tanto, o desenvolvemento do proxecto, facilitará descubrir que poboacións bacterianas son beneficiosas ou prexudiciais á hora de desenvolver e tratar esta enfermidade.
A cardiotoxicidade a exame
Pola súa banda, a investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comuninicacións (CITIC) Ana López Cheda lidera o proxecto MCSICAR, tamén en colaboración co INIBIC, que busca mellorar a calidade de pacientes oncolóxicos. En concreto, de persoas diagnosticadas con cancro de mama do subtipo HER2+. Os tratamentos enfocados a combater a proteína HER2 favoreceron a supervivencia deste tipo de enfermidade. Con todo, poden provocar efectos secundarios como a toxicidade cardiovascular. O núcleo central deste proxecto é predicir a aparición de cardiotoxicidade utilizando métodos estatísticos. Uns modelos que permiten estimar a probabilidade que ten un paciente de desenvolver este efecto secundario, cal é o período de maior risco e entender que factores inflúen no seu desenvolvemento.
A estes dous proxectos, súmase a participación da UDC no programa NIDOA, liderado pola Fundación Novoa Santos, dirixido ao descubrimento de novos inhibidores de DPP4 para o tratamento da artrose e no INMUNOMACS-PRO, coordinado pola Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), que se centra na plataforma de cribado de fármacos e a análise interaccións fármaco-diana.