A UDC e o Complexo Industrial de Repsol colaboran para controlar unha especie invasora en Oleiros

A Universidade da Coruña (UDC) e o Complexo Industrial de Repsol na Coruña asinaron un convenio de colaboración para investigar e controlar a especie invasora Helichrysum petiolare, localizada na costa de Dexo, no concello de Oleiros.
Este proxecto será liderado polos docentes e investigadores da UDC María José Servia e Jaime Fagúndez, que realizarán un seguimento das medidas de control postas en marcha polo Concello de Oleiros. A iniciativa está financiada por Repsol, no marco do seu compromiso coa protección da biodiversidade e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Durante unha visita á contorna do Faro de Mera, os investigadores explicaron os detalles do proxecto acompañados pola directora do Complexo Industrial de Repsol, Natalia Barreiro; a concelleira de Deportes, Turismo e Promoción Económica de Oleiros, Teresa Vázquez; o concelleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Antonio Molinos; e a adxunta de Investigación da UDC, Amalia Jácome, ademais de técnicos municipais.
O obxectivo principal desta iniciativa é avaliar a eficacia das distintas medidas de control, como a eliminación manual e mecanizada, así como estudar a rexeneración e reprodución da especie. Para iso, realizaranse ensaios a pequena escala nos que se medirá a presenza, cobertura e biomasa da Helichrysum petiolare, así como o seu impacto nas especies nativas e nas condicións do solo.
A Helichrysum petiolare é unha planta arbustiva procedente de Sudáfrica, cuxa presenza na costa coruñesa está documentada dende os anos 70. Porén, a súa rápida expansión nas últimas décadas converteuna nunha ameaza significativa para a biodiversidade, especialmente en áreas tan sensíbeis como a costa de Dexo.
Grazas a esta colaboración, a Universidade da Coruña e Repsol reafirman o seu compromiso coa protección da contorna natural e co desenvolvemento de solucións sostibles para reducir o impacto das especies invasoras na rexión.