A UDC e a Fundación Princesa de Girona colaboran na mellora da empregabilidade do estudantado

ACoruñaXa
O convenio de colaboración permitirá recoñecer créditos universitarios en concepto de actividades de formación a mozos que realicen un dos itinerarios do programa “Xeración talento”
A UDC e a Fundación Princesa de Girona presentan un programa de colaboración
A UDC e a Fundación Princesa de Girona presentan un programa de colaboración
7 Oct 2024

A Universidade da Coruña e a Fundación Princesa de Girona únense para a mellora de empregabilidade do estudantado. Ambas as institucións asinaron un convenio de colaboración, grazas ao impulso da empresa Inditex, a través do cal a UDC colabora en “Xeración Talento”, o programa da Fundación para impulsar a empregabilidade e o talento novo.

Esta iniciativa ofrece a estudantado da UDC recoñecer créditos, a través da participación no programa da Fundación, en concepto de actividades de formación en actividades de empregabilidade, emprendemento e xeración de talento, organizados ou promovidos pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade. Este recoñecemento de créditos por parte da UDC supón un fito para a “Xeración Talento”, un programa que ofrece á mocidade as ferramentas necesarias para acelerar as súas competencias, obtendo unha mellora da empregabilidade nun contexto BANI (do inglés Brittle, Anxious, Nonlinear e Incomprehensible, que podemos traducir por fráxil, ansioso, non lineal e incomprensible), con especial foco nas dez principais competencias e nas profesión emerxentes definidas polo World Economic Forum (WEF), estas son: pensamento analítico; pensamento creativo; resiliencia, flexibilidade e axilidade; motivación e autoconsciencia; curiosidade e aprendizaxe continuo; coñecemento tecnolóxico; atención ao detalle; empatía e escoita atenta; liderado e influencia social; e control de calidade.

Nesta primeira edición, 10 estudantes da UDC, con diversos perfís formativos, foron preseleccionados para participar no programa, que conta con dous itinerarios a elixir:

Itinerario 1: Mentoring Orientación Profesional + Sprints formativos competenciais en liña, + 2 centros de desenvolvemento ou asistencia a Foros de talento no marco do Tour do Talento (duración: 45 horas).

Itinerario 2: Mentoring Orientación Competencial + Sprints formativos competenciais + 2 Centros de Desenvolvemento en empresas ou asistencia a Foros de Talento no marco do Tour do talento (duración: 40 horas).

Xornada de presentación

Esta nova colaboración da UDC foi presentada hoxe, durante a xornada “Talento novo e impacto profesional na IA”, evento que contou coa asistencia do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o director xeral da Fundación Princesa de Girona, Salvador Tasqué; a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, María José Lombardía; e Gemma Guzmán González, directora de programas de talento da Fundación.

No acto de presentación, o reitor da UDC destacou a importancia deste novo convenio de colaboración, no que a Universidade da Coruña é a primeira universidade española en asinar un convenio coa Fundación para colaborar no programa “Xeración Talento”. “Un programa-sinalou Cao- que está enfocado na IA, e que encaixa perfectamente coa fortaleza da UDC en materia das TIC. Un bo exemplo é o CITIC, o Centro de Investigación en TIC da UDC, que aglutina un brillante persoal investigador, como a catedrática Amparo Alonso, a cal moderará a mesa redonda de hoxe. Ou o CEMI, o Centro Mixto de Investigación da UDC coa empresa Navantia, exemplo tamén de investigación en IA aplicada á empresa”.

A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, destacaba “a riqueza que suporá que este programa facilite a relación entre mozos e mozas de toda España, á vez que lles axuda a impulsar o seu acceso ao mercado laboral”.

Pola súa banda, Salvador Tasqué manifestou que “é un acordo sumamente pioneiro, porque lle dá aos mozos un espazo novo para complementar a súa formación e con Xeración Talento terán, ademais, a oportunidade de participar en actividades coa Fundación, coñecer a outros mozos, participar en foros do talento, facer un itinerario de competencias…; en definitiva, tentamos axudar, que o seu talento se poida activar e desenvolver máis aló do que aprenden na aula”.

Tamén asistiron ao evento de presentación unha boa parte dos estudantes que participarán no programa, os cales son os verdadeiros protagonistas desta cooperación, e aos que se lles dará a oportunidade de formarse nunha contorna que beneficie a súa competitividade laboral.

Unha xornada coa aplicación da IA como protagonista

A xornada incluíu a conferencia “AI que poñer límites?” a cargo de Nacho Belda, director xeral da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), e continuou cunha mesa redonda con diferentes especialistas en IA. Nela reflexionouse sobre as oportunidades que ofrece a IA para o talento novo.

A mesa, moderada por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC, contou coa participación de David Martinez, CEO e fundador da empresa Data Spartan; Ángel Rico, coordinador da IA en Russula; Adolfo Ausín, responsable de Electrónica de Potencia en Norvento; e Silvia Ferreiro, responsable de Analytics de Inditex. Ao final das xornadas tivo lugar un debate cos relatores participantes.

Incorporación a “Xeración Talento”

Está previsto que as dez persoas participantes se incorporen ao programa este mesmo mes.

Este programa da Fundación Princesa de Girona ofrece aos mozos de entre 18 e 30 anos recursos para promover o seu desenvolvemento profesional e fomentar a súa empregabilidade. Faio a través da oferta de mentorías e formación, así como tamén centros de desenvolvemento como o de hoxe e foros de desenvolvemento sobre un tema en concreto.

A través das máis de 40 empresas que forman parte do programa, bríndalles a oportunidade de impulsar as súas competencias e ofrécelles ferramentas para que poidan adaptarse á nova contorna laboral. Conta cunha rede de máis de 7.000 mozos e máis de 1.000 mentores das principais empresas españolas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17203593254089