A UDC e a Autoridade Portuaria da Coruña asinan un convenio para mellorar a operatividade do Porto Exterior

ACoruñaXa
O convenio, asinado co Grupo Geama, ten unha duración de 4 anos e unha dotación económica de 460.000 euros para seguir perfeccionando a operatividade do porto de Punta Langosteira
Imaxe do acto de sinatura entre a UDC e a Autoridade Portuaria da Coruña
27 Maio 2024

A Universidade da Coruña asinou hoxe un convenio de colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, que busca mellorar a operatividade portuaria das instalacións coruñesas, con especial atención ao porto exterior de Punta Langosteira.

O convenio foi asinado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, nun acto no que tamén estiveron presentes o xefe do Departamento de Sostibilidade da entidade, Andrés Guerra; e o investigador principal do proxecto e membro do Grupo de Investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, Enrique Peña, grupo a través do cal se asina o convenio.

O reitor da UDC destacou a colaboración que desde hai anos están desenvolvendo xunto coa Autoridade Portuaria da Coruña, tanto co Grupo Geama como co CITEEC, o CITIC e o CITENI, centros de investigación da UDC. “Este novo acordo – sinalou Cao – parte dos resultados positivos acadados con outras colaboracións previas con este grupo de investigación. Agora damos un paso máis, tendo en conta o aumento do espazos e tráfico no Porto Exterior, actualizando as ferramentas preditivas que utiliza o porto e incorporando novos desenvolvementos e técnicas de IA. Este tipo de colaboracións son clave para que ambas institucións podamos sumar sinerxías e xerar solucións mutuas, que son tamén demandadas polos operadores portuarios e o resto do sector privado e a sociedade en xeral.”

Enrique Peña aproveitou para agradecer á Autoridade Portuaria o apoio que dá á Universidade da Coruña desde hai anos, e puxo o foco no obxectivo de ter un porto máis eficiente, que xere máis tráfico, maior movemento e que o faga coas maiores garantías. Isto é posible co desenvolvemento das ferramentas desenvolvidas ao amparo deste convenio, que permiten, entre outras cuestións, xestionar as mellores localizacións de carga e descarga, minimizando as incidencias, con tres días de previsión. Para iso, existe un pormenorizado sistema de monitorización de buques (un total de 117) e de sensorización en distintas zonas portuarias.

Con este novo acordo de colaboración, explicou Peña, introducimos novos elementos, tendo en conta novas situacións do Porto Exterior da Coruña, como as novas infraestruturas que se porán en marcha en Langosteira, e ao igual que todos os portos do mundo, debemos ter en conta os efectos que se poden derivar do cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar.

Pola súa banda, Martín Fernández Prado, amosou o seu agradecemento á UDC por esta axuda e traballo conxunto dos grupos de investigación, que están en primeiro nivel mundial. “Podemos sentirnos orgullosos deste traballo iniciado en 2019 e agora que nos veñen novos retos, queremos continuar a colaborar coa Universidade da Coruña co obxectivo de seguir perfeccionando a operatividade do porto, que é o máis operativo de toda a cornixa cantábrica grazas ao traballo do GEAMA”.

O novo convenio, asinado por 4 anos ata agosto do 2028, comprende unha dotación económica de 460.000 euros, co que ambas as dúas institucións pretenden seguir perfeccionando a operatividade do porto, que lembrou ten operado desde 2012 un total de 1.800 barcos e mobilizado 25 millóns de toneladas. Estamos, subliño, ante “un exemplo de como a investigación axuda e ten transferencia da innovación á operativa diaria”.

 

0.13940691947937