A UDC distingue o talento emprendedor: ‘La Madriguera de Pichi’, Membermetrics e Rethink, gañadoras dos Santander X Spain Awards 2025

A Universidade da Coruña celebrou o acto de entrega dos Premios de Emprendemento no marco de UDC Talento e do novo programa IMPULSA-T, unha cita que serviu para destacar o mellor talento innovador do eido universitario. A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña, encabezou a cerimonia acompañada por responsables da UDC, da Xunta de Galicia e de Santander España. Durante a súa intervención subliñou que o emprendemento 'é crear oportunidades, transformar ideas en realidade e apostar polo propio talento' e que estes premios axudan a identificalo e potencionalo.
A primeira quenda correspondeu aos ‘Santander X Spain Awards - Proxectos Emprendedores Universitarios 2025’. Os diplomas de finalistas foron para Consultoría & Datasafe Innovations (asesoría en regulación de intelixencia artificial e protección de datos orientada a concellos pequenos e microempresas), Juryscription (software para modernizar a xustiza mediante análise de datos e IA) e Tapit (dixitalización de tarxetas de visita con tecnoloxía NFC, que recibiu ademais unha mención de honra). Os tres premios principais, dotados con 2.000 euros cada un, recaeron en La Madriguera de Pichi (centro de educación ambiental para achegar a natureza ás aulas con metodoloxías innovadoras), Membermetrics (plataforma para recoller e xestionar en tempo real valoracións de clientes, actualmente enfocada en ximnasios) e Rethink (sistema comunitario de reciclaxe de plásticos con recompensas para as persoas usuarias).
Na categoría ‘Santander X Spain Awards | Startup Universitaria 2025’, Motion and Force Engineering Solutions e Nerxus Quality Solutions (ambas spin-offs da UDC) recibiron os diplomas de finalistas polos seus proxectos en biomecánica e eficiencia enerxética. O premio principal, dotado con 4.000 euros, foi para Artificial Intelligence Indestia, que incorpora a intelixencia artificial á publicidade, con especial foco en anuncios inmobiliarios.
O acto completouse co recoñecemento ao estudantado polos mellores traballos de fin de estudos vencellados ao emprendemento, con primeiros e segundos premios en cada unha das cinco áreas de coñecemento (800 e 400 euros, respectivamente). As persoas premiadas foron:
• Artes e Humanidades: Clara Souto Ferreiro (1º) por ‘Beboppy’.
• Ciencias: Manuel Loureiro Muiños (1º) por un nanosensor para detección rápida de bacterias patóxenas; e Santiago Fernández-Noriega Balseiro (2º) con Tapit.
• Ciencias da Saúde: Pablo Páramo Telle (1º) con ‘ComunicELA’; e Cecilia Belzarena Fernández (2º) cun sistema de detección automática de COVID-19 persistente a partir de imaxes OCT.
• Ciencias Sociais e Xurídicas: Mónica Irina Casas Pérez (1º) por un proxecto de economía circular nun restaurante saudable; e Iván Suárez Míguez (2º) cunha residencia de mascotas na Coruña.
• Enxeñaría e Arquitectura: Irene Rodríguez Ríos (1º) polo redeseño da ourivaría tradicional galega para xoiería de alta gama; Lucía Naya Cambón (2º) por unha ferramenta de análise de indicadores clave nunha empresa láctea; e David Zambrana Seoane (2º) por un stack de observabilidade para e-commerce.
En total, repartíronse 16.000 euros en premios. A vicerreitora clausurou a cita salientando que estes galardóns son 'un reflexo do talento, da creatividade e da capacidade transformadora' que a UDC quere impulsar a través de IMPULSA-T.