A UDC desprega unha semana de 8-M con actos institucionais, exposicións e formación en varios campus

ACoruñaXa
A programación comeza o 4 de marzo en Socioloxía e en Economía e Empresa, terá as citas centrais o venres 6 de marzo no Campus de Elviña e o 9 de marzo en Ferrol, e pechará o 12 de marzo cun encontro na ETSAC
A CORUÑA 8 marzo UDC
3 Mar 2026

A Universidade da Coruña conmemorará o 8-M cun programa de actividades que se estenderá do 4 ao 12 de marzo e que combinará exposicións, seminarios, charlas e propostas formativas, incluídos obradoiros infantís orientados a impulsar o talento feminino. O groso dos actos institucionais da UDC concentrarase en dúas datas, o venres 6 de marzo na Coruña e o 9 de marzo no Campus de Ferrol.

Na Coruña, a Casa do Estudantado acollerá o acto central do 6 de marzo coa lectura do Manifesto do 8-M. A continuación, presentarase un balance do grao de execución do III Plan de igualdade da Universidade da Coruña e desenvolverase unha homenaxe ás mulleres migrantes. O Campus de Ferrol celebrará un acto de estrutura semellante o 9 de marzo.

A programación nos centros comezará o mércores 4 de marzo. A Facultade de Economía e Empresa organiza a xornada '8M Finanzas, xénero e historia: outra economía é posible', con actividades os días 4 e 5 de marzo. O día 4 inclúe o obradoiro 'Capital e xénero: representación en cartaces e narrativas históricas' e a posta en marcha da mostra bibliográfica 'Mulleres que contan: a presenza feminina no sector financeiro', dispoñible durante todo o mes de marzo na biblioteca da facultade. O xoves 5 celebrarase a charla-coloquio 'Banca, xestión e mulleres: retos e logros cun enfoque histórico', con investigadoras de distintas universidades, e unha mesa de análise titulada 'Investimentos e perfil investidor en clave de xénero: cuestións de actualidade'. Nesa sesión, Alejandra Pérez Peña, delegada territorial do Comité de Servizos a Asociados de EFPA España en Galicia, presentará os resultados da XIII edición da Enquisa Mulleres e Finanzas e do programa EFPA de Educación Financeira. A xornada completarase coa presentación do libro 'Entre el poder y la subsistencia: la empresa española en clave feminina, siglos XVIII-XX', das docentes e investigadoras da UDC Elvira Lindoso Tato e Tamara González López.

En paralelo, a Facultade de Socioloxía sumará a mesa redonda 'O papel das Mulleres na loita contra o capital', no salón de graos, coa participación de Laura Suárez, secretaria académica do centro, Bruno Fariñas, representante do estudantado en Socioloxía, e Isabel Risco, da Marcha Mundial das Mulleres.

O venres 7 de marzo, a Facultade de Informática acollerá 'Oracle for Girls', unha iniciativa para achegar a tecnoloxía a nenas e mozas de 4 a 16 anos e contribuír a reducir a fenda de xénero no eido STEM. A proposta inclúe obradoiros prácticos de programación, robótica, intelixencia artificial e outras tecnoloxías emerxentes, ademais de sesións informativas para as familias sobre as opcións formativas e a oferta académica da UDC. A actividade conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Concello da Coruña, a Cátedra ALDABA WIB e Code Monsters.

En Bastiagueiro, a Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física celebrará o xoves 5 de marzo, ás 19.00 horas, a terceira edición das xornadas da Fenda de Xénero no Deporte, organizadas en colaboración coa Deputación da Coruña. Haberá un obradoiro sobre 'A Bioloxía da muller e o adestramento deportivo. O principio de individualización' e unha mesa redonda con perfís de distintos ámbitos deportivos, ademais dunha exposición de slogans elaborados polo alumnado da materia 'Muller e Deporte'.

No Campus da Zapateira, o venres 6 de marzo inaugúrase na biblioteca da Facultade de Filoloxía a exposición 'Entre destinos e barreiras: A muller no mapa laboral do turismo', impulsada por un equipo docente da Facultade de Turismo en colaboración coa biblioteca. A mostra aborda a situación laboral das mulleres no turismo e achega datos e conclusións do estudo 'The leaks in the pipeline and human capital management in tourism organizations', xunto con perfís profesionais actuais co obxectivo de visibilizar traxectorias e servir de inspiración.

A programación completarase o 12 de marzo na ETSAC cun acto protagonizado por mulleres arquitectas ou vinculadas á disciplina, que compartirán experiencias profesionais en distintos ámbitos nun formato apoiado con imaxes.

0.11726880073547