A UDC define a súa estratexia na Cidade das TIC no último Consello de Goberno antes do novo curso

ACoruñaXa
O reitor Ricardo Cao presenta os avances e a nova folla de ruta para o ambicioso proxecto TIC e audiovisual
Imaxe da reunión do Consello de Goberno da UDC
18 Xul 2024

A UDC celebrou hoxe o seu último Consello de Goberno antes do inicio do próximo curso académico 2024/2025, unha reunión que se celebrou na Cidade das TIC, marco que serviu para detallar a situación actual do proxecto, os pasos dados nos últimos meses e para presentar a folla de ruta marcada para o futuro próximo.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, fixo un balance de todas as actuacións desenvolvidas nestes meses polo novo equipo de Goberno da UDC con respecto á Cidade das TIC, proxecto para o que se ten creado un grupo de traballo no seo do equipo reitoral, encargado desta primeira análise e de dar seguimento a todas as actuacións que se vaian desenvolvendo a futuro.

“Precisabamos - explicou Cao - abordar os seguintes pasos con rigor e tendo claridade de todos os detalles deste proxecto ambicioso, complexo e que conta con diferentes actores implicados”. O diagnóstico realizado arroxa unha primeira conclusión, que é a necesidade de abordar unha actualización do proxecto, dado que o Plan Director inclúe prazos e previsións de ingresos que a inicios de 2024 quedaron desfasados. Por tal motivo - abundou o reitor - viuse necesaria unha revisión que permita adaptar a nova estratexia á realidade con sensatez e dándolle absoluta transparencia, tal e como se fixo esta mañá no Consello de Goberno, ao que se lle irá dando conta de cada un dos pasos esenciais que dea na conformación da Cidade das TIC.

Isto - explicou Cao - ten levado tempo, esforzo e traballo, pois foi necesario non só unha profunda análise da situación existente de cada un dos proxectos previstos, senón tamén dunha rolda de diálogo coas diferentes administracións implicadas, que ten permitido clarexar moito a “foto global” da composición da Cidade das TIC. Grazas a este esforzo, seremos quen de dar pasos máis certeiros, máis coordinados e ordenados, que permitan sentar as bases da expansión da Cidade das TIC e todo o ecosistema que debe xerar ao seu redor”.

Referente TIC e audiovisual

O reitor recordou que agora mesmo a Cidade das TIC conta coas seguintes actuacións: o Galaxy Lab, centro de experimentación avanzada de Intelixencia Artificial; o Centro de Servizos Avanzados (CSA), un espazo de traballo e colaboración do sector TIC, en funcionamento e financiado con fondos do IGAPE; o Plató Virtual, impulsado pola Deputación da Coruña, e que ten as obras en marcha; o Centro de Formación Especializada, promovido pola Xunta de Galicia, actualmente en fase de redacción do proxecto; e por último, a creación de varios platós físicos, complementarios aos virtuais, promovidos por Pedralonga Estudios, unha agrupación de empresas do sector audiovisual de Galicia, iniciativa cuxa cesión de espazo na Cidade das TIC acaba de ser aprobada hoxe mesmo polo Consello de Goberno.

Sociedade xestora e condicións modais

O informe presentado hoxe no Consello de Goberno recolle dous puntos esenciais no desenvolvemento das futuras actuacións. Por unha banda, a introdución do que se denomina condicións modais nos acordos de cesión de uso de espazos. Esta figura vén cubrir un baleiro existente ata o momento no que se refire ao retorno que debe ter a UDC nesas cesións, no seu papel de concesionaria dos terreos.
É importante sinalar que estas condicións téñense introducido tamén nos acordos xa existentes, grazas a un proceso de diálogo e negociación, tanto coa Deputación para os platós virtuais, como para o uso do CSA, un avance significativo para a UDC. Así, tanto persoal investigador como alumnado poderán beneficiarse da oportunidade destas instalacións punteiras, cuestión que non estaba contemplada nos acordos previos, e que permitirán un retorno moi importante para a UDC en materia formativa, de investigación e de transferencia.

Polo que se refire á Sociedade Xestora da Cidade das TIC, desde o equipo reitoral informouse que nestes momentos estase a traballar no que se refire á estrutura de gobernanza desa sociedade, entendendo que a UDC é a entidade que debe ostentar o liderado do proxecto, no que se refire ao ámbito académico, científico e técnico, sen esquecer que é a concesionaria dos terreos, condición non subrogable a terceiros.

A este respecto, subliñou que a inexistencia, polo momento, desta sociedade, non é unha eiva para seguir avanzando en todas as actuacións. A UDC ten as competencias para xestionar o uso da concesión, suxeito ás condicións do acordo co Ministerio de Defensa, e para tramitar os diferentes proxectos e iniciativas que se implanten nesta área TIC e audiovisual, tal e como se acaba de amosar co procedemento dos novos platós físicos.

Norma de permanencia e docencia en inglés

O Consello de Goberno fixo unha aprobación, condicionada á emisión de informe por parte do Consello Social da UDC, da modificación da norma que regula a progresión e permanencia do alumnado de grao e máster. O regulamento actual data de 2017, cando a meirande parte do estudantado estaba a tempo completo e cunhas condicións diferentes ás actuais, tendo en conta diferentes perspectivas, o que fai necesaria unha actualización desta norma para adaptala ás novas necesidades. O obxectivo do novo texto é achegar un marco normativo que contemple situacións alleas – problemas de saúde, familiares...- que poidan dificultar e/ou impedir un progreso óptimo, e mesmo impedir a súa continuidade; e dea oportunidades ao alumando para recuperar a actividade académica cando esas situacións se resolvan.

Deuse tamén o visto e prace á normativa reguladora da docencia en inglés para as titulacións da UDC, en liña co impulso da estratexia de internacionalización e da recentemente aprobada Universidade Europea Emerge. A implementación de programas plurilingües representa un avance significativo neste eido, motivo polo que se establecen nesta norma os procedementos e requisitos para os programas de docencia nesta lingua.

Así, os programas de docencia en inglés terán, como mínimo, un 50% dos créditos neste idioma, mentres que os centros que ofrezan un bloque de materias en inglés deberán garantir unha oferta mínima de 60 créditos anuais por titulación, cunha distribución equitativa por semestre. Para aqueles centros que non acaden este nivel, poden optar por un novo formato, a docencia “English Friendly”, que permite incorporar materiais, titorías e avaliacións en inglés para aquel alumnado que non teña competencias suficientes en galego e castelán.

Aprobación de novos títulos propios

Por último, aprobouse a incorporación de 4 novos títulos propios, un referido a microcredencial (Atención e coidados básicos a persoas en situación de dependencia en domicilios); dous a másters (Deseño Arquitectónico e Innovación e Dixitalización Financeira) e un curso de Formación Específica (Actividade Física e Exercicio Saudable para o colectivo de Educadores Físicos e Deportivos).

 

 

0.18686294555664