A UDC dá luz verde a un orzamento de 172 millóns para 2025

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) aprobou esta mañá o anteproxecto dos orzamentos para o ano 2025, que ascenden a 172 millóns de euros, un 2,2 % máis que os últimos aprobados no 2023. Este documento será levado esta tarde ao Consello Social para a súa tramitación definitiva.
Os ingresos procedentes do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego constitúen o 70,9 % do total, alcanzando os 122 millóns de euros. Deste importe, 117,7 millóns destinaranse ao capítulo de persoal, que inclúe a contratación de 30 axudantes doutores no marco do programa María Goyri. Este plan, resultado dun acordo coas universidades galegas, a Xunta e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, permitirá cubrir prazas a partir do primeiro semestre de 2025, simplificando os procedementos administrativos grazas á recente normativa adaptada á LOSU.
Outro dos eixes principais será o impulso á investigación, cunha dotación de máis de 26 millóns de euros, que busca mellorar os indicadores de produtividade científica e reforzar a posición da UDC nos foros internacionais. No eido do estudantado, destínanse máis de 2,7 millóns de euros en bolsas e axudas, combinando fondos externos e propios.
Como medida extraordinaria, os orzamentos recollen a venda do edificio da antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes, sen uso docente dende hai dous anos. Este inmoble será subastado mediante poxa competitiva á alza, coa que se espera obter uns ingresos de 5 millóns de euros.
Ademais, o Consello de Goberno deu luz verde á nova Estratexia de Internacionalización para o trienio 2025-2027, que busca mellorar a proxección internacional da UDC. O obxectivo é duplicar a cota de mobilidade internacional do estudantado, que actualmente se sitúa no 2,7 %, e incrementar ata o 8 % a participación do persoal universitario. Esta folla de ruta enmárcase na globalización e na crecente demanda de competencias internacionais no mercado laboral.
Por último, o Consello aprobou os Premios de Excelencia Académica 2024-2025, que recoñecen aos estudantes con mellores resultados nos seus estudos previos. Nesta edición, entregaranse 49 distincións cunha dotación de 565 euros por persoa.