A UDC convoca a VI edición dos Premios Isabel Zendal de Promoción do Pensamento Crítico

ACoruñaXa
O concurso está dirixido ao alumnado de ESO, bacharelato e FP básica e de grao medio co obxectivo de fomentar o pensamento crítico entre a xuventude
Cartel dos Premios Isabel Zendal organizados pola UDC
12 Mar 2024

A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña convoca, en colaboración co Círculo Escéptico, a VI edición dos Premios Isabel Zendal de Promoción do Pensamento Crítico en Educación Secundaria e Bacharelato.

O concurso ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional, o cal resulta unha ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre a xuventude.

Poderán participar nel o alumnado dos centros educativos españois entre 1º de ESO. e 2º de Bacharelato, establecéndose dúas categorías de participación; unha, de 1º a 3º de ESO. e FP básica, e outra, para o alumnado de 4º de ESO a 2º de Bacharelato e ciclos formativos de grao medio.

Os xéneros literarios que poderán presentarse serán o artigo periodístico, a exposición dun experimento desenvolvido polo alumnado, o conto ou o relato curto; integrando os valores do pensamento escéptico e científico, a difusión do coñecemento, a perspectiva de xénero, a ciencia e os seus métodos e a refutación das pseudociencias, así como a loita contra a difusión de enganos e noticias falsas. Tamén se valorará que sexan sensibles á erradicación das diferentes violencias contra a dignidade das mulleres, colectivos LGTBI+ ou inmigrantes, entre outros.

En canto ao prazo de presentación de traballos, este estará aberto ata o día 26 de abril de 2024 ás 14:00 horas e outorgaranse tres premios para cada modalidade, os cales consistirán nun diploma acreditativo, unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC e unha dotación económica de 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo e 100 para o terceiro.

0.18960189819336